Pestanas principais

Xa se coñecen os gañadores do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!

Mércores, 12 de decembro de 2012

[12-12-2012] O grupo As Laretas, coa obra Nova de última hora, recibirá o premio do público, mentres que o grupo Linguas Desatadas, coa peza O xuízo de Lina e Lana, obtivo o premio do xurado. Ambos os dous grupos recibirán 300 euros de premio. Ademais dos premios recollidos nas bases, o xurado decidiu concederlle unha mención especial ao grupo Xeración do 95 coa peza peza Lingua sen fronteiras pola orixinalidade do guión. A entrega de premios realizarase este venres, 14 de decembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns antes da representación da obra Sexo?, Por que non? da compañía Eme 2. Nesta edición presentáronse 8 grupos de rapaces e rapazas do IES de Ames e do Colexio Alca. En total participan 27 alumnos/as que están cursando estudos de segundo ciclo da ESO ou de bacharelato. A temática de todas as pezas abordou a situación social do idioma galego.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, ás 21:00 horas, a entrega de premios da segunda edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! Este acto celebrase xusto antes do inicio da representación da obra Sexo?, Por que non? da compañía Eme 2. Este concurso, que está organizado polos departamentos de Normalización Lingüística, Xuventude e Comunicación do Concello de Ames, pretende dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva sobre a nosa realidade sociolingüística. Ademais, intenta fomentar o gusto polo teatro entre a veciñanza, en xeral, e en particular entre os sectores de xente máis nova do concello.

Este ano o premio do público recaeu no grupo As Laretas, coa peza de creación propia Nova de última hora. Este grupo composto por Irene Lorenzo Rey e Aida Pazos Sande, alumnas de primeiro de bacharelato do IES de Ames, recibirá un premio de 300 euros. As Laretas obtiveron un total de 64 votos, que representa o 22,3 % dos votos emitidos. En segundo lugar quedou o grupo CAL con 57 votos, o terceiro posto foi para Linguas Desatadas con 42 votos, o cuarto lugar ocúpao o grupo E logo con 38 votos, no quinto posto está o grupo Chámalle X con 25 votos, o sexto posto foi para o grupo Irenia con 24 votos, no sétimo lugar quedou o grupo PS con 22 votos e no oitavo posto está Xeración do 95 con 14 votos.

Por outra banda, o premio do xurado foi para Linguas Desatadas coa peza O xuízo de Lina e Lana. Este grupo formado por Paula Masa Ogando, Minia Monteagudo Vilavedra e Laura Meillet Capdevila, alumnas de terceiro da ESO do IES de Ames, tamén recibirán un premio de 300 euros. A peza é unha adaptación dun fragmento da Comedia Bífida de Manuel Núñez Singala. O xurado deste premio estivo formado por Nazaret López (dramaturga e xornalista de Ames Radio), Rosa Moreiras (técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ames) e Pilar Villaverde (informadora xuvenil do Concello de Ames).

Mención especial do xurado
Ademais dos premios recollidos nas bases, o xurado decidiu concederlle unha mención especial ao grupo Xeración do 95 coa peza peza Lingua sen fronteiras pola orixinalidade do guión. Este grupo é do Colexio Alca e está integrado por Daniel Pardo González, Pedro Pisón Muíña, José Ignacio Treviño Balboa, Julia González Bermúdez, Pabo Antelo Lijó e Paula Rey Castiñeiras.

Nesta segunda edición do concurso presentáronse 8 grupos de rapaces e rapazas do IES de Ames e do Colexio Alca. Estes grupos son Chámalle X, Xeración do 95, Linguas desatadas, E logo!, Irenia, Cal, P.S. e As Laretas. En total participan 27 alumnos/as que cursan estudos de segundo ciclo da ESO ou de bacharelato. Todos os grupos están formados por entre dúas e seis persoas e están dirixidos por un profesor/a ou un monitor/a nomeado polo propio grupo. A temática de todos os textos versou sobre a situación social do idioma galego.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Xa se coñecen os gañadores do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!"