- Tematica
Máis de 400 persoas se congregaron este sábado na praza de Manuel Murguía para desfrutar da semifinal da cuarta edición do concurso Canta con Ames. Dos 20 aspirantes, o xurado escolleu a 12 concursantes que son os que pasan á final. Esta xornada do Canta con Ames contou, ademais, cunha convidada de excepción, Antía Holovat, gañadora da categoría infantil da pasada edición do Canta con Ames, que interpretou un tema. A final do concurso vaise celebrar o vindeiro domingo, 11 de agosto, ás 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. O xurado do concurso está composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López, mentres que a presentadora é Loly Gómez. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes da semifinal.
O concurso, presentado por Loly Gómez, conta cun xurado experimentado composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López, que destacaron o “gran nivel amosado por todos os participantes na semifinal” e “as dificultades que tiveron para escoller aos 12 finalistas desta edición”. Pola súa parte, a concelleira de Promoción Económica, Emprendemento e Atención e Participación Veciñal, Ana Belén Paz, salientou o gran ambiente vivido un ano máis na semifinal celebrada este sábado no Milladoiro durante as festas da Madalena.
O certame arrincou os días 12 e 13 e xullo con dúas xornadas de preselección celebradas no Milladoiro en en Bertamiráns. Nesta cuarta edición do Canta con Ames participaron 32 persoas procedentes de Lugo, A Estrada, Brión, Padrón, Pontevedra, Cambre, Laracha, Vigo, Silleda, Teo, Madrid e Ames. Esta nova edición está a mellorar os rexistros da anterior en canto a asistencia ao evento e participación, pois con respecto ao ano anterior, os participantes aumentaron nun 60%.
Na fase de preselección elixíronse 20 concursantes que foron os que actuaron este sábado pola tarde na semifinal. Os semifinalistas estiveron divididos en tres categorías: ata 17 anos; máis de 18 anos; e dúos e tríos. Durante a semifinal interpretaron unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A final de todas as actuacións, o xurado escolleu aos 12 finalistas.
Finalistas
Os 12 elixidos, divididos nas súas respectivas categorías son:
Ata 17 anos: Andrea Penas López, Nerea Nieto Abal, Amanda Motos Díaz, Luciana Ames Berdejo e Anaís Fernández Fernández.
Máis de 18 anos: Paula Barreiro Rey, Ana Belén Vica Conde, Lucía Rabuñas Vázquez, Abrahán González Estévez, Lucía Rodríguez Barbosa.
Dúos e tríos: Mariña Rodeiro Jorge, Daniela Hermo Fernández e Gabriel Hermo Fernández; Silvia Veiga Alende e Cecilia Pardo Ferreiro
A gran final realizarase o vindeiro domingo, 11 de agosto, ás 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas; de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.
Nesta gran final o público poderá gozar tamén da actuación de Rosa Arauzo, participante na edición do Canta con Ames do ano 2022 e na presente edición 2024 (aínda que foi eliminada en fase de preselección) que, con 87 anos, é a concursante máis veterana do certame. Por outra banda Samuel Fernández interpretará unha canción coa súa guitarra mentres o xurado delibera en homenaxe a Paco de Lucía.
Premios
O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 4 gañadores ou gañadoras premiaráselle cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, e cantar nas prebadaladas de fin de ano. Tamén está contemplado un premio económico que vai dende os 500 euros para as categorías de ata 17 anos e máis de 18, ata os 1.000 para a categoría de dúos e tríos.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O concurso Canta con Ames xa conta cos doce finalistas que loitarán pola vitoria"
La Voz de Galicia: "Más de 400 personas asistieron en O Milladoiro a la semifinal de Canta con Ames"