Pestanas principais

Xa se coñecen as fotografías gañadoras do concurso #Sexualizarte

Mércores, 15 de setembro de 2021

Eric Gómez Besada, coa fotografía "Vivencias", no primeiro posto, e Branca Ansia Calviño, coa fotografía "Igual de natural" no segundo, foron os gañadores do concurso Sexualizarte, agasallados cunha cesta de xoguetería e produtos eróticos e un diploma. A entrega de premios celebrarase o sábado 18 de setembro nas Xornadas de Educación Sexual, de 10.00 a 14.00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

O prazo para a votación das fotografías gañadoras do Concurso de Fotografía #SexualizArte rematou o 14 de setembro. Entre todas e todos, se decidiu, a través dos likes na conta de @omixames, que as imaxes gañadoras foran a Eric Gómez Besada, coa fotografía "Vivencias",  @somiadorlliure, e en segundo posto, a de Branca Ansia Calviño, coa fotografía "Igual de natural" @branlovelace.

O certame de fotografía buscou as mellores fotografías relacionadas coas diferentes realidades e vivencias en torno á sexualidade, facendo fincapé na diversidade de corpos, identidades, orientacións, desexos, expresións, afectos e eróticas.

Este concurso forma parte dun amplo programa impulsado pola concellaría de Mocidade co que se pretende inculcar aos mozos e mozas de Ames unha sexualidade positiva e saudable [con]sentido.

Programa [con]sentido e entrega de premios
As actividades continuarán o 18 de setembro cunha Xornada de Educación Sexual. Será na Casa da Cultura do Milladoiro entre as 10 e as 14 horas. Neste acto, entregaranse os premios: dous diplomas  e dúas cestas con xoguetería e produtos eróticos, unha cun valor de 180€ e a outra, de 70€.

No caso de que as persoas gañadoras non poidan asistir deberán comunicalo á organización do concurso e acordar unha data alternativa para recoller o premio.

Se transcorrido un prazo de tempo axeitado tras esta primeira comunicación coas persoas gañadoras, non se recibe resposta pola súa parte, o premio correspondente será asignado á seguinte persoa finalista, constando no expediente os intentos realizados.

O programa [con]sentido prosegue no mes de outubro  e novembro. Pódese consultar o programa completo premendo na seguinte ligazón.

Todas as actividades teñen prazas limitadas. Os interesados poderán inscribirse ou obter máis información dez días antes de cada actividade no correo electrónico  con.sentido@agasex.org.

Xa se coñecen as fotografías gañadoras do concurso #Sexualizarte

Multimedia

  • Eric Gómez. Vivencias
  • Branca Ansia. Igual de natural