[04-06-2012] O Concello de Ames, a través da concellaría de Sanidade, fai pública a composición do xurado que elixirá os premiados na primeira edición do Certame de Carteis-Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, que organiza o Servizo de Prevención das drogodependencias dos concellos de Ames, Brión e Negreira. Tal e como se indica nas bases, o xurado estará formado por tres membros destes concellos e por un secretario/a, con voz e sen voto, en representación do Concello de Ames como entidade xestora do programa. Os membros do xurado son María José Vázquez Bermúdez, do concello de Ames, Armando Patiño Nimo, do Concello de Brión, María Azucena Antelo García, do Concello de Negreira. Mentres que a secretaria do xurado será a psicóloga técnica do Servizo de Prevención de Drogodependencias, Sagrario Ferreira Pernas. O xurado reunirase este martes, 5 de xuño, para ditaminar os ganadores/as deste concurso que se darán a coñecer o vindeiro 18 de xuño.
Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, o 26 de xuño de 2012, o Servizo de Prevención de Drogodependencias dos Concellos de Ames, Brión e Negreira, convocou o I Certame de carteis-Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas co obxectivo de sensibilizar a poboación sobre o problema mundial da droga. Este certame está dirixido aos 1.260 alumnos/as de Educación Secundaria e Bacharelato que no curso académico 2011-12, están cursando estudos no IES de Ames, IES Brión e IES Xulián Magariños de Negreira.
Unha vez rematado o prazo para presentar os traballos, este martes 5 de xuño reunirase o xurado, que está composto por María José Vázquez Bermúdez, do concello de Ames, Armando Patiño Nimo, do Concello de Brión, María Azucena Antelo García, do Concello de Negreira, e Sagrario Ferreira Pernas, psicóloga técnica do Servizo de Prevención de Drogodependencias, en calidade de secretaria do xurado, para escoller os traballos ganadores deste certame.
Os carteis estarán expostos en cada un dos tres institutos de Educación Secundaria dende o día 6 ata o 22 de xuño que remata o curso escolar. Haberá tres carteis premiados, un por cada instituto. Estes carteis con cadanseu lema serán os que se difundan polos Concellos de Ames, Brión e Negreira para conmemorar o Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas. Como colofón, o día 26 de xuño, organizarase un Feirón Saudable con diferentes actividades no que se entregarán os premios aos autores ou autoras dos tres carteis gañadores.
A decisión do xurado anunciarase publicamente o día 18 de xuño a través das páxinas web de cada un dos concellos e de cada un dos IES, tamén se lles comunicará persoalmente aos gañadores. Os premios entregaranse o 26 de xuño nun acto público que se celebrará no Feirón Saudable do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas en Brión. Os/as autores/as dos carteis que resulten gañadores serán agasallados con 5 exemplares do cartel que se edite, cun trofeo e con un vale de 50 euros canxeable por material escolar.
En cada un dos tres concellos que están integrados no servizo de Prevención das drogodependencias, difundiranse os carteis gañadores co obxectivo de sensibilizar a sociedade e a opinión pública sobre o problema mundial da droga.
Reflexión sobre o traballo de prevención
Dende o Servizo de Prevención das Drogodependencias manifestan que “despois do traballo de prevención realizado nos tres institutos (IES de Ames, IES Brión e IES Xulián Magariños de Negreira) no que se abordou a problemática no seu sentido máis amplo, sempre co obxectivo final de promover a saúde e o benestar da persoa e da sociedade evitando a situación de dependencia, pretendemos que os escolares reflexionen sobre o traballo de prevención realizado durante o curso escolar e que isto quede reflectido nunha creación que será difundida dentro da campaña conmemorativa do Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas nos Concellos de Ames, Brión e Negreira".




