Pestanas principais

Xa hai gañadores do I Torneo Internacional de Fútbol Base Copa Camiños de Compostela

Luns, 25 de xuño de 2018

[25-06-2018] O campo de fútbol de Santa Isabel, en Santiago de Compostela, acolleu o pasado sábado ao mediodía o acto de entrega de trofeos e medallas das categorías masculinas do I Torneo Internacional de Fútbol Base Copa Camiños de Compostela, que organizou a Asociación Fútbol Base Santiago e Comarca (AFBSC) coa colaboración da Federación Galega de Fútbol e os concellos de Santiago, Ames, Teo, Rois, Vedra e A Baña.

Torneo
Este Torneo é a primeira actividade que organiza a AFBSC, co obxectivo de aunar esforzos e conseguir entre todos un fútbol base en Compostela máis limpo e no que primen os valores do compañeirismo, o esforzo, o traballo en equipo… Por iso, non só se premiaron os resultados, senón a deportividade dos equipos participantes.

A Copa, que se celebrou do 4 ao 24 de xuño nos distintos campos de fútbol dos Concellos que colaboraron, contou con tres modalidades de xogo: fútbol 11 masculino, fútbol 7 feminino e fútbol 8.

Na Fase Previa (do 4 ao 15 de xuño), os equipos dividíronse en grupos de 4, enfrontándose nunha liga a unha soa volta. Na segunda Fase Final (do 16 ao 22 de xuño), o 1º e 2º de cada grupo clasificáronse para o Título, e o 3º e 4º de cada grupo para xogar a Consolación.

O Torneo Internacional de Fútbol Base Copa Camiños de Compostela nace con vocación de continuidade e aspira a se converter nun referente no fútbol base de Santiago e comarca.

Os encargados de entregar os premios foron a concelleira de Deportes de Santiago, Noa Morales; o alcalde de Ames, José Miñones; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; o concelleiro de Deportes de A Baña, Manuel Tourís; o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Javier García; e o presidente da AFBSC, Vicente González.

En categoría Prebenxamín, o campión foi o SD Villestro e subcampión, o AD Burgo das Nacións. O gañador da consolación foi a Escola Deportiva Santiago e o subcampión, o SD Esclavitud. O premio ao equipo máis deportivo nesta categoría foi para o SD Cacheiras.

En categoría Benxamín, o campión foi o Amio SD e subcampión, o Atlético Fátima. O gañador da consolación foi o SD Milladoiro e o subcampión, o SD Villestro. O premio ao equipo máis deportivo nesta categoría foi para o Praíña SD.

En categoría Alevín, o campión foi o SD Villestro A e subcampión, o SD Villestro C. O gañador da consolación foi o SD Milladoiro e o subcampión, o Atlético Fátima. O premio ao equipo máis deportivo nesta categoría foi para o Compañía de María.

En categoría Infantil, o campión foi o SD Milladoiro e subcampión, o SD Compostela. O gañador da consolación foi o SD Cacheiras e o subcampión, o Atlético Fátima. O premio ao equipo máis deportivo nesta categoría foi para o CD Rois.

En categoría Cadete, o campión foi o SD Villestro e subcampión, o Bastavales UD. O gañador da consolación foi o SD Milladoiro e o subcampión, o SD Compostela. O premio ao equipo máis deportivo nesta categoría foi para o CD Belvís.

En categoría Xuvenil, o campión foi o AD Burgo das Nacións e subcampión, o SD Milladoiro. O gañador da consolación foi o Bastavales UD e o subcampión, o Atlético Lavacolla. O premio ao equipo máis deportivo nesta categoría foi para o SD Milladoiro.

Por último, o premio ao club máis deportivo de todo o torneo recaeu na SD A Baña.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "O Tordoia gañou o campionato sénior feminino"
El Correo Gallego: "A deportividade, a gran gañadora da I Copa Camiños de Compostela"
La Voz de Galicia: "Finalizou o torneo Copa Camiños de Compostela"
Compostela 24 horas: "Outro éxito da Copa Camiños de Compostela"