[26-01-2016] A aplicación dixital "A Billeteira" está en funcionamento dende onte, luns día 25 de xaneiro. A primeira obra cuxas entradas poderanse adquirir nesta web é "Ensaio sobre a cegueira", que a compañía Sarabela Teatro levará ao escenario da Casa da Cultura do Milladoiro o venres 29, ás 21:00 horas.
Á páxina web da "Billeteira" pódese acceder dende a web municipal a través de dous banners: un situado na cabeceira da páxina e outro na columna central. O proceso de rexistro anterior á compra de entradas é moi sinxelo, mantendo a privacidade dos datos dos usuarios. A compra realizarse a través dunha pasarela de pago segura.
As entradas serán enviadas ao correo electrónico facilitado á hora de realizar o trámite na "Billeteira". Un código QR permite que, ensinando as entradas ao chegar a un dos auditorios non sexa necesario imprimilas. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que xa se comezaron a vender as primeiras entradas "sen incidencias". Engade que no primeiro día "vendéronse 15 entradas. Animamos á xente a que faga a compra das entradas o máis axiña posible en previsión de que se poidan esgotar".
A obra escollida para empregar por primeira vez esta aplicación electrónica adapta unha das novelas máis coñecidas do premio Novel portugués José Saramago. A compañía Sarabela decidiu levala ás táboas dos escenarios o pasado ano, estreándoa en Ourense en setembro de 2015. Ensaio sobre a cegueira introduce ao espectador nunha sociedade afectada por unha terrible doenza. Exceptuando a unha persoa, a muller dun doutor, todos os habitantes dun país perden, sen motivo aparente, o sentido da vista. Os primeiros afectados son encerrados nun edificio, xa que o medo conduce ás autoridades a aloxar a todo cego ou cega das persoas sas para evitar o contaxio da enfermidade. Illados no edificio, sen apenas información do exterior, a muller acompaña ao seu marido e ao resto de cegos.
A obra foi creada baixo a dirección da gañadora do premio Clara Campoamor Ánxeles Cuña, promotora e directora da compañía Sarabela. A obra foi estreada en Ourense o pasado setembro de 2015 e nove actores puxéronse baixo o mando de Cuña, meténdose nas peles das personaxes de Saramago. O elenco compono Josito Porto, Fina Calleja, Fernando Dacosta, Nate Borrajo, Xabier Estévez, Vicente Montoto, Elena Seijo, Jorge Casas e Sabela Gago.
Venda de entradas o día do espectáculo
A "Billeteira" permitirá aos interesados e interesadas adquirir de forma áxil e doada as entradas, buscando ademais evitar a formación de longas colas os días nos que teñen lugar eventos coma este. Por suposto, para aquelas persoas que prefiran adquirilas de forma presencial poderán facelo o mesmo día do espectáculo, o venres 29 de xaneiro, xa que unha hora antes de que comece Ensaio sobre a cegueira, ás 20:00 horas, abrirase a billeteira presencial da Casa da Cultura do Milladoiro. O aforo total do auditorio da Casa do Milladoiro é de 145 butacas.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Saramago inaugura la aplicación web amiense para comprar entradas"




