Pestanas principais

Xa están á venda na Billeteira electrónica as entradas para a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”

Luns, 08 de xaneiro de 2024

Desde hoxe, 8 de xaneiro, xa están á venda as entradas para os doce espectáculos de teatro e danza que conforman a programación municipal de artes escénicas para o primeiro semestre de 2024. Sobre o prezo das entradas poderán aplicarse descontos a diversos colectivos. A programación completa pode consultarse nesta ligazón.

Xa están á venda as entradas para os diversos espectáculos da programación cultural do primeiro semestre de 2024. Esta programación está formado por un total de doce representacións, das que dez serán e teatro e dúas de danza, e que se distribuirán de maneira equitativa entre os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro. As propostas abarcan actuacións tanto para adultos como para público familiar. Ademais, inclúese unha ampla oferta de xéneros con teatro de comedia, contemporáneo e drama, así como danza tradicional e contemporánea.

O orzamento total investido ascende a 48.909 euros, dos cales 22.213,50 euros foron aportados polo Concello de Ames, e os 26.695,50 euros restantes, pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Estas programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Venda de entradas xerais
As entradas para os espectáculos poderán adquirirse na Billeteira electrónica do Concello a partir do vindeiro luns 8 de xaneiro. Se non se completase o aforo, unha hora antes do comezo das representacións haberá entradas dispoñibles á venda nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Ademais, as persoas con carné de estudante, maiores de 60 anos, rapaces menores de 12 anos, familias numerosas, mocidade con carné xove e as persoas demandantes de emprego poderán desfrutar dun desconto do 50% do custo ordinario das entradas.

Non se admitirán cambios nin devolucións nin das entradas nin dos abonos adquiridos. A venda pechará cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo, e unha vez comezadas ás representacións ninguén poderá acceder á sala.

Primeira obra: “Unha inimiga do pobo”
Dentro da programación para público adulto, ofrécense oito espectáculos de teatro e dous de danza. O primeiro deles, unha obra dramática titulada “Unha inimiga do pobo”, representarase o 19 de xaneiro ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, da man de Talía Teatro. Trátase dunha adaptación da obra homónima de Henrik Ibsen, na que se denuncia a política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que invita a reflexionar sobre o papel dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública.

Xa están á venda na Billeteira electrónica as entradas para a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”

Multimedia

  • Cartaz Ames Cultural 2024