Pestanas principais

Xa están en marcha as obras de mellora e acondicionamento da rúa Seidón e do seu contorno

Martes, 16 de abril de 2013

[16-04-2013] As obras de mellora e acondicionamento da rúa Seidón e do seu contorno, situada na localidade do Milladoiro, xa están en marcha. Os operarios da empresa Construcciones Ponciano Nieto traballan na execución destas obras, nas que se investirán un total de 31.844,15 euros. O concelleiro de Vías e Obras do Concello de Ames, Alfredo Taboada, achegouse ata a zona para comprobar o estado dos traballos que se están levando a cabo na zona.

Ata o de agora, a rúa Seidón e o contorno no que se están desenvolvendo estas obras atopábase en terra natural. Antes de comezar as obras de mellora e acondicionamento levouse a cabo unha escavación para retirar a capa de terra natural existente. Neste momento, estase executando a canalización de pluviais para a que se empregan tubos de PVC de 315 milímetros de diámetro e aplicase unha capa de macadam de 12 centímetros de groso medio.

A continuación, aplicarase un rego semiprofundo e dobre tratamento asfáltico superficial na área devandita. Por último, haberá que facer unha rectificación dos pozos de sumidoiro existentes ata acadar a cota da nova rasante da vía. Estas obras están incluídas nun convenio asinado coa Deputación da Coruña, que permite a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, rúas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Xa están en marcha as obras de mellora e acondicionamento da rúa Seidón e do seu contorno"