Pestanas principais

Xa están abertas as inscricións para participar no III Aberto de San Xoán

Venres, 06 de xuño de 2025

As pistas de tenis de Aldea Nova acollerán, a partir do vindeiro 21 de xuño, a terceira edición Aberto de San Xoán, un torneo de tenis organizado polo club de tenis Val da Maía en colaboración co departamento de Deportes do Concello de Ames. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 14 de xuño ás 22.00 horas para as categorías de menores (alevín, infantil, cadete e junior), mentres que a data límite para as categorías de adultos (absoluto, veteranas+35 e veteranos+45) é ata o 21 de xuño, tamén ás 22.00 horas. A cota de inscrición é de 15 euros para as categorías de menores. No caso do resto de categorías, a contía de inscrición é de 18 euros. 

O club de tenis Val da Maía, en colaboración co departamento de Deportes do Concello de Ames, organiza por terceiro ano consecutivo o torneo de tenis Aberto de San Xoán. As categorías para participar son alevín, infantil, cadete, junior, absoluto, veteranas+35 (categoría feminina) e veteranos+45 (categoría masculina). 

O torneo desenvolverase desde os días 21 ao 29 de xuño para as categorías alevín, infantil, cadete e junior, pódese consultar as bases destas categorías na seguinte ligazón. En canto ás categorías absoluto, veteranas+35 e veterano+45, a competición será desde o 28 de xuño ata o 6 de xullo e pódense consultar as bases na seguinte ligazón

Categorías e premios
As persoas inscritas poderán participar nun máximo de dúas categorías. Se algunha non acadase o mínimo de seis participantes, a organización reservase o dereito de cancelar dita proba.

Así mesmo, establécese un máximo de participantes por categoría:

    • Alevín, infantil, cadete e junior (masculino e feminino): 16 participantes. 
    • Veteranas+35:  16 participantes. 
    • Absoluto masculino: 32 participantes.
    • Absoluto feminino e veteranos+45: 24 participantes.

En caso de que os inscritos superen o máximo de participantes establecido, a orde de prioridade decidirase en función da clasificación nacional vixente. Aqueles/as inscritos/as que por prioridade de ranking non sexan incluídos na lista de admitidos ao torneo, serán reembolsados do importe da inscrición.

Por outra banda, os horarios dos encontros publicaranse na páxina web de Ibertenis e non serán definitivos ata as 21.00 horas do día anterior ao partido. En canto aos premios, os gañadores de cada categoría recibirán un vale dunha comida para dúas persoas en calquera restaurante do grupo Milongas Parrillada.

Inscrición
A inscrición estará aberta ata o 14 de xuño ás 22:00 horas para as categorías de menores e ten un custo de 15 euros, mentres que para as categorías de adultos a inscrición estará aberta ata o día 21 e a cota é de 18 euros. A cota de inscrición deberá aboarse antes do peche da inscrición a través da plataforma de Ibertenis.

Os/as xogadores/as con licenza polo club organizador terán un desconto de 4 euros na cota de inscrición e poderán formalizar o pago directamente nas súas instalacións. Así mesmo, os participantes que se inscriban en dúas categorías, terán un desconto de 5 euros. 

Novas relacionadas: 

Bisbarra: "O Aberto de San Xoán de tenis de Ames abre o seu prazo de inscrición"

Xa están abertas as inscricións para participar no III Aberto de San Xoán

Multimedia

  • Xa están abertas as inscricións para participar no III Aberto de San Xoán