Pestanas principais

Xa está todo preparado para recibir aos Reis Magos de Oriente

Martes, 02 de xaneiro de 2024

Melchor, Gaspar e Baltasar van pasar tres días no concello de Ames escoitando os desexos dos máis pequenos e enchendo a vila de maxia e ilusión. A Gran Festa de Reis comeza este mércores cunha Recepción Real nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro (que se repetirá ao día seguinte, o 4 de xaneiro) para atender as peticións dos nenos e nenas amesás. O venres pola mañá, as Súas Maxestades visitarán as parroquias do municipio para que a súa maxia chegue a todos os recunchos do concello. Xa pola tarde, percorrerán as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns coas súas cabalgatas. Ese mesmo día, o fin de festa reunirá a grandes e pequenos nos pavillóns municipais para despedir ás Súas Maxestades de Oriente e desfrutar dunha merenda amenizada cun espectáculo de animación infantil. Toda a programación municipal de Nadal pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Gran Festa de Reis desenvolverase ao longo dos días 3, 4 e 5 de xaneiro en distintos puntos do concello. A programación dará comezo coas recepcións dos rapaces e rapazas que farán os Reis Magos ao longo do mércores 3 e do xoves 4, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

As Súas Maxestades estarán nos pavillóns municipais do Milladoiro e Bertamiráns de 16:30 a 20:00 horas o mércores 3; e de 11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas o xoves 4. Alí, atenderán as peticións de agasallos e ofrecerán á cativada unha bandexa para que poidan deixarlles na casa lambetadas e bebidas aos Reis, para que repoñan forzas mentres reparten os agasallos. As persoas interesadas en asistir deben acudir con cita previa, que xa se pode reservar accedendo á Sede electrónica do Concello de Ames e seleccionando día, hora, e localidade.

O día 5 de xaneiro, os Reis Magos pasarán por todos os recunchos do concello, visitando os locais sociais, para que tanto os cativos e cativas dos núcleos urbanos como do rural poidan acudir a velos. Desta maneira, ao longo da mañá, Melchor, Gaspar e Baltasar estarán nas once parroquias do Concello de Ames. Así, pasarán por Ameixenda e Cruxeiras a partir das 10:00 horas, por Augapesada ás 10:30h, por Piñeiro e Covas ás 11:00h, por Tapia e Ortoño ás 11:30h, por Lens ás 12:00h, por Agrón e Bugallido ás 12:30h, por Trasmonte ás 13:00h e por Biduído ás 13:30 horas.

Para finalizar a Gran Festa de Reis, o venres 5 pola tarde celebraranse dúas cabalgatas, nas que participarán 82 nenos/as e mozos/as, divididos en distintas carrozas, e nas que se repartirán caramelos. O percorrido das cabalgatas pode consultarse nesta ligazón.

A primeira cabalgata será a do Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. A comitiva real sairá da rúa Agriños, proseguirá pola Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio - Rúa de Abaixo – Rúa Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Agro do Medio - Rúa Cereixos – Travesía do Porto. Ao rematar, as Súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade arredor das 18:00 horas. Alí despediranse dos máis pequenos da casa e darán paso ao espectáculo de animación infantil ”Estrela de mar pincha!”. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de iogures doados por CLUN.

Posteriormente, os Reis chegarán a Bertamiráns, onde a cabalgata será de 19:00 a 20:00 horas. As carrozas sairán da estrada de Lapido, á altura do 108; a continuación proseguirán por Avenida da Maía – Travesía do Pedregal – Rúa Pedregal – Avenida da Maía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón. Igual que acontecerá no Milladoiro, haberá un fin de festa do pavillón municipal, onde tamén se poderán degustar a rosca con chocolate e os iogures de CLUN. Tamén en Bertamiráns se representará o espectáculo “Estrela de mar pincha!”.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Os Reis Magos percorrerán todo Ames o día 5"

La Voz de Galicia: "Los Reyes Magos ya visitaron Bertamiráns y O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Dende Oriente a Galicia: Os Reis Magos están a chegar"

Xa está todo preparado para recibir aos Reis Magos de Oriente

Multimedia

  • Xa está todo preparado para recibir aos Reis Magos de Oriente