[16-02-2012] O Concello de Ames organizou para este luns 20 de febreiro, a partir das 18:00 horas, unha Festa do Entroido na que, se celebrará, por primeira vez, un concurso-degustación de receitas de entroido ademais dun concurso de disfraces. Ata o día 20 de febreiro, ás 14:00 horas, admítense inscricións no concurso de disfraces. Dende a Policía local avisan de que non se poderá estacionar no aparcadoiro da rúa Agro do Medio desde a media noite do domingo 19 ata o martes 21, ás 12:00 horas. Recoméndase estacionar no aparcadoiro da rúa Palmeiras, que se atopa a tan só 50 metros do lugar onde se celebrará a festa, á que se poderá acceder a través dun paso peonil. Haberá cortes de tráfico nas rúas Agro do Medio, Rúa de Abaixo, Raxoeira, Anxeriz e Curuxa durante o desfile das comparsas e disfraces.
O goberno municipal pretende marcar un antes e un despois na celebración do entroido en Ames e fai un chamamento á participación cidadá nun evento que promete ser divertido e xenuíno. Segundo a organización, os participantes serán os auténticos protagonistas desta celebración a través das súas receitas gastronómicas e dos divertidos e coloridos disfraces. Ao entroido de Ames non lle faltará a música, cunha actuación da charanga "Vaite xa" e coa orquestra "Super Fama".
A animación comezará ás 17:30 horas coa actuación da Charanga "Vaite xa", que percorrerá as rúas do centro do Milladoiro. Ás 18:00 horas está previsto que a charanga chegue á carpa, que estará instalada no aparcadoiro da rúa Agro do Medio, para ir animando á veciñanza mentres non empeza a música que traen os disfraces para facer as súas exhibicións. Ademais, a partir das 17:30 horas, realizarase a presentación dos pratos elaborados polos participantes no concurso gastronómico.
Concurso-degustación de receitas típicas do entroido
No concurso gastronómico de receitas típicas do entroido presentáronse cinco receitas doces e cinco salgadas (dúas persoas particulares, a Asociación Lentura, a Cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, a panadería O Milladoiro e o Restaurante Ponte Maceira). As receitas presentadas teñen que ser obrigatoriamente típicas do entroido, e hai dúas modalidades: salgadas e doces.
Os participantes optarán a diferentes premios, dotados con vales de compra cambiables nos establecementos comerciais asociados á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), á Asociación de Empresarios e Comerciantes do Milladoiro (AEMI), á Asociación Palmira-Boulevard do Milladoiro e á Asociación Parque Empresarial Novo Milladoiro durante os tres meses seguintes ao concurso. Así, os primeiros premios tanto para pratos doces coma para salgados serán de 400 euros, os segundos ascenderán a 250 e os terceiros serán de 150 euros.
Concurso de disfraces
No concurso de disfraces poderán participar todas as persoas, asociacións, comunidades ou colexios que o desexen. As inscricións deben facerse na Casa da Cultura do Milladoiro, a través do teléfono 981 535 940, ou no correo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org. Admitiranse inscricións ata o día 20, ás 14:00 horas. Á hora de apuntarse ao concurso, os participantes deberán achegar nome e apelidos, teléfono dos participantes ou representantes do grupo ou comparsa e categoría na que se inscriben. Ata o de agora no concurso de disfraces hai tres comparsas apuntadas, catro inscritos na categoría infantil e un grupo na categoría de grupos.
Haberá en total catro modalidades nas que se poderá concursar: unha modalidade infantil, que estará constituída por unha ou dúas persoas ata os 12 anos; unha modalidade individual na que poderán participar unha ou dúas persoas maiores de 12 anos, unha modalidade de grupo que se constituirá por tres ou catro persoas de calquera idade e unha modalidade de comparsas que deberá estar formada por sete persoas ou máis tamén de calquera idade.
Ao igual que no concurso gastronómico, os participantes optarán a premios dotados con vales de compra cambiables nos establecementos comerciais de distintas asociacións de comerciantes e empresarios de Ames. Na categoría infantil o premio ten un importe de 100 euros, na categoría individual 150 euros, na categoría de grupo o premio ascende a 300 euros e na de comparsa a 500 euros. Os participantes deberán presentarse o día 20 de febreiro ás 18.00 horas na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da rúa Agro do Medio.
A partir das 18:30 horas comezarán as exhibicións e o desfile diante do xurado dos participantes no concurso de disfraces. Cada comparsa terá que levar a súa propia música, senón poñeráselle música carnavalesca. Despois destas actuacións, que non deberán durar máis de 5 minutos, o desfile percorrerá as rúas do Milladoiro ao ritmo que marque a charanga "Vaite xa". O desfile percorrerá as rúas Agro do Medio, Rúa de Abaixo, Raxoeira, Anxeriz e Curuxa, para volver á carpa que está instalada na rúa Agro do Medio.
Tralo desfile, arredor das 20:30 horas, comezará a actuación da orquestra "Super Fama", para que non deixe de soar a música no entroido de Ames. Ademais, os participantes poderán degustar as filloas que fará a Asociación Lentura. Como colofón, entre as 21:30 h e as 22:00 horas, daranse a coñecer os premiados no concurso-degustación e no concurso de disfraces. Despois seguirá tocando a orquestra.




