[09-02-2013] Xa está todo preparado para que o próximo luns, 11 de febreiro, o Concello de Ames celebre a Festa de Entroido. Este ano esta celebración realizarase, a partir das 17:00 horas, no aparcamento que está situado ao carón da piscina municipal A Telleira. O prazo de inscrición para o concurso de disfraces poderase realizar ata ás 11:00 horas do propio día da Festa de Entroido. No concurso-degustación de receitas típicas de Entroido hai 18 persoas inscritas. Repartíranse un total de 3.850 euros en premios (3.100 euros no concurso de disfraces e 750 euros no concurso-degustación de receitas de Entroido). Dende o domingo 10 de febreiro, ás 12 da noite, queda prohibido estacionar no aparcamento da Telleira, en Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás ver o itinerario do desfile que realizará a comitiva de Entroido.
Xa estamos inmerso de cheo no Entroido e Ames tamén celebrará a súa propia festa con concursos de disfraces e de receitas típicas desta época do ano. A dous días da celebración da Festa de Entroido, que este ano se desenvolvera en Bertamiráns, a resposta da veciñanza está sendo moi positiva xa que hai 18 persoas inscritas para participar no concurso-degustación de receitas típicas de carnaval. O prazo de inscrición para este concurso pechouse o pasado 7 de febreiro.
Existen tres premios: prato mellor elaborado; prato mellor presentado e prato máis creativo. Cada unha das categorías estará dotado cun premio en metálico de 250 euros. Os/as participantes deberán presentar os pratos elaborados na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Telleira (Avda. da Peregrina) entre as 17:00 h e as 17:30 horas. Cada prato permitirá, polo menos, o equivalente a 60 degustacións (non racións). Unha vez que o xurado avalíe os pratos, ofreceránselle ao público asistente para a súa degustación.
Concurso de disfraces
Neste caso o pazo de inscrición está aberto ata ás 11:00 horas do día 11 de febreiro. Neste momento xa hai inscritas comparsas de lugares tan diversos coma A Laracha, Boiro, Pontevedra, Tomiño, Brión e Ames. As inscricións realizaranse na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres en horario de 9:00 h a 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940, ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. Á hora de apuntarse ao concurso, os participantes deberán achegar o título do disfrace, nome e apelidos do representante, teléfono de contacto, categoría na que se inscriben e número de compoñentes.
Haberá en total catro modalidades nas que se poderá concursar: unha modalidade infantil, que estará constituída por 1 ou 2 persoas ata os 12 anos; unha modalidade de adulto na que poderán participar 1 ou 2 persoas maiores de 12 anos, unha modalidade de grupo que se constituirá por grupos de 3 a 9 persoas de calquera idade e unha modalidade de comparsas que deberá estar formada por 10 ou máis persoas tamén de calquera idade.
Os premios estarán dotados cos seguintes importes en metálico. Na categoría infantil o primeiro premio ten un importe de 100 euros, o segundo premio é de 75 euros e o terceiro de 50 euros. Na categoría de adultos os premios serán de 200€, 150€ e 75€ dependendo de si acadas o primeiro, segundo ou terceiro posto. Na categoría de grupos o primeiro premio ascende a 500 euros, o segundo premio é de 300 euros e o terceiro de 150 euros. Por último, na categoría de comparsas os premios serán de 900€, 400€ e 200€ dependendo de si acadas o primeiro, segundo ou terceiro posto.
Os/as participantes deberán presentarse na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Telleira (Avda. da Peregrina), debidamente ataviados/as, entre as 16:30 h e as 17:30 horas. A exhibición dos disfraces farase no interior da carpa e comezará arredor das 17:30 horas. Cada participante disporá, como máximo, duns 5 minutos para realizar a exhibición conforme á cal o xurado realizará a súa cualificación.
Desfile da comitiva de Entroido
Está previsto realizar un pasarrúas por Bertamiráns no que desfilarán as persoas que participen no concurso de disfraces acompañados dos membros da charanga Vaite Xa. O pasarrúas realizarase sempre e cando as condicións meteorolóxicas acompañen e non chova. O desfile comezará no aparcadoiro da Telleira e continuará pola avenida da Peregrina ata chegar á avenida da Maía. Despois, o desfile irá dirección praza de Chavián pasando pola rúa Poeta da Maía e pola zona do Pedregal. Unha vez alí volverase cara o punto de saída pasando de novo polas avenidas da Maía e da Peregrina. Haberá cortes esporádicos de tráfico. Durante o desfile a Policía local cortará un dos carrís de circulación destas rúas para que poidan pasar a comitiva de Entroido.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Xa está todo preparado para a Festa de Entroido de Ames"




