[18-04-2012] O Milladoiro celebrará a V Festa das Tapas durante o sábado 21 e o domingo 22 de abril con importantes novidades. Este evento gastronómico está organizado pola Asociación Cultural A Madalena en colaboración co Concello de Ames. Grazas ao traballo da Concellaría de Promoción Económica a edición deste ano incrementa ata 14 o número de establecementos participantes e márcase como obxectivo dar un maior protagonismo á oferta gastronómica nos propios locais do Milladoiro. Deste xeito, cada establecemento presentará dúas tapas, a un prezo de 3 euros, elaboradas especificamente para esta celebración gastronómica, na que o público atopará desde pratos tradicionais ata cociña máis innovadora.
De forma anónima e sen identificarse como xurado, dúas persoas serán as encargadas de elixir a tapa gañadora despois de completar a Ruta das Tapas, valorando tanto o nivel culinario das propostas como a atención e a calidade do servizo ao cliente. Por primeira vez este ano, a tapa gañadora recibirá un premio de 200 euros en vales de compra que poderán trocar nos establecementos comerciais do Milladoiro, ademais dun cadro de honra no que quedará constancia do recoñecemento. Pola súa banda, os clientes que participen nesta celebración recibirán un ticket para optar a un sorteo de 4 ceas nos locais da V Festa das Tapas.
Ruta das Tapas
A relación de locais e tapas que se ofrecen nesa quinta edición é moi ampla e variada. A Tapería Xebre ofrece unha brocheta de vieira con lagostino; e solombo de porco con queixo García Ulloa. A Cervexería Curmáns preparará un revolto de grelos con gambas; e flaminquines. O Café-Bar El Pilón terá a disposición dos clientes empanada de patacas; e a tapa especial Pilón. O Café-Bar Manhattan ofrecerá como tapas o Capricho de Manhattan; e unha torrada de revolto de cogomelos e queixo.
Por outra banda, o Café-Bar 89 disporá de callos; e unha táboa de ibéricos. O Café-cervexaría Gallaecia disporá dun montadito de ovo de paspallás e xamón en salsa brava; e peituga de polo rechea de queixo á mostaza. O Fogar de Seidón preparará Foie con vieira; e fabada. A Tapería Antiqua terá un saquiño crocante con marisco e boletus; e tartaleta Antiqua de froitos secos. O bar Entre vinos y tapas ofreceralle aos seus clientes unha tapa de milfollas de zorza coroada con ovo de paspallás; e unha tapa denominada sorpresa de patacas con polbo e queixo San Simón.
Pero haberá máis tapas para escoller. O local Babia Café disporá dun roliño de cecina con queixo de cabuxa e foie; e torrada de bacallau afumado, crema de queixo e anchoa. O Mesón O Trasno ofrecera unha tapa de polbo á brasa; e aliñas de polo en salsa. O bar O Polígono vai preparar polbo con ameixas; e fabas con polbo. Ofrecerá tamén lamprea só por encarga. A Cervexaría Galway terá un chupito de Camemberg e langostinos; e chipiróns recheos de cogomelos e gambas sobre crema de espárragos e xamón espoldrexado. Mentres que a polbaría Lito Mambis participará na Festa das Tapas ofrecendo polbo e churrasco no seu local e na carpa instalada no campo da festa.
A Ruta das Tapas estará debidamente sinalizada para facilitar o itinerario do público, que poderá gozar da súa degustación acompañados pola música de dúas charangas. O sábado 21 as charangas “O Santiaguiño” e TNT amenizarán o percorrido pola Ruta das Tapas, mentres que o domingo 22 será a quenda dos conxuntos Os Atrevidos e O Recobio.
Verbena, atraccións infantís e mercado de artesáns
Como complemento á oferta gastronómica nos locais participantes na V Festa das Tapas, no aparcadoiro do Agro do Medio habilitarase o campo da festa cunha carpa onde se desenvolverá unha atractiva proposta lúdica para todos os públicos. Neste sentido, destaca a celebración dunha verbena o sábado 21, ás 22:00 horas, co grupo JJ y Son e dunha segunda sesión o domingo 22, ás 17:00 horas, co grupo Talismán. Do mesmo xeito, no campo da festa instalaranse 12 atraccións de feira para os máis pequenos. O domingo, a partir das 20:00 horas e ata o remate da festa, estas atraccións de feira ofrecerán a súa “Tarde feliz”, coa posibilidade de mercar dúas fichas ao prezo dunha.
Outro dos centros de referencia durante a fin de semana do 21 e 22 de abril será a rúa de Anxeriz, na que se instalará un mercado de artesáns que permanecerá instalado ata o luns pola tarde, ampliando así a oferta do tradicional mercado de rúa da Praza de Manuel Murguía.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Fin de semana de tapas creativas en Milladoiro y Oroso"




