[11-06-2015] Este venres 12 de xuño, ás 17:00 horas, realizarase a apertura da XI Feira do Comercio Val da Maía que se desenvolve por segunda vez na localidade do Milladoiro. Este ano uns 40 establecementos comerciais ofrecerán os seus produtos con grandes descontos. A feira contará con máis de 1.000 metros cadrados de oportunidades. Este evento, que se desenvolverá no pavillón polideportivo do Milladoiro, terá lugar os días 12, 13 e 14 de xuño.
O concelleiro en funcións de Comercio e Promoción Económica, Ramón Senra, explica que “dende o Concello de Ames colaborase nesta iniciativa comercial ofrendo a cesión das instalacións onde se desenvolverá a feira do comercio e tamén apoiando aos organizadores co traballo do persoal municipal”. Senra Ríos tamén indica que “é moi importante dar a coñecer os establecementos comerciais e o tecido empresarial que existe en Ames entre a veciñanza amesá e a xente que reside na comarca”.
A XI Feira do Comercio Val da Maía está organizada pola Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI), en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, e a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar.
Está previsto que a este evento acudan arredor de 40 expositores, que ocuparán unha superficie de 1.000 metros cadrados. Nesta feira haberá comercios de diferentes sectores como o téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, complementos do fogar ou agasallos. Estes postos ofrecerán unha gran variedade de ofertas e promocións en todos os sectores e actividades comerciais. Cómpre destacar que este ano, ademais de establecementos comerciais, haberá stands de empresas e profesionais que ofrecerán os seus produtos e servizos.
Horario de apertura
A XI Feira do Comercio abrirá ao público este venres 12, ás 17:00 horas, e permanecerá aberta ata as 21:00 horas. O sábado e o domingo o horario de apertura será ininterrompido de 10:00 h a 21:00 horas. A entrada será libre e haberá atraccións para os nenos, inchables e aparcamento gratis.
Ademais de poder comprar diferentes produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan á Feira do Comercio poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica, xa que haberá inchables para os nenos/as e postos de polbo para xantar. Tamén haberá churrerías, xeadarías e rede wifi. Haberá tamén unha exposición de coches patrocinada por Dimonorte na zona exterior.




