[08-03-2012] Mañá, a partir das 17:00 horas, quedará aberta ao público a VIII Feira do Comercio Val da Maía. Por primeiro ano, a Feira do Comercio Val da Maía organízase de forma conxunta pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Asociación de Empresarios do Milladoiro. Este evento desenvolverase no pavillón polideportivo de Bertamiráns os días 9, 10 e 11 de marzo. Con 400 metros cadrados para expositores, a Feira do Comercio contará coa participación de arredor de trinta establecementos locais e, por primeira vez nesta oitava edición, ampliará a súa duración a tres xornadas. Así, o venres 9 a feira estará aberta entre as 17:00 h e as 21:00 horas. O sábado 10, a Feira de Comercio prolongará o seu horario dende as 11:00 ata as 22:00 horas, mentres que o domingo 11 o horario de apertura será de 11:00 ata as 20:00 horas. Hai que destacar que a entrada será de balde. O alcalde de ames, Santiago Amor, inaugurará a VIII Feira do Comercio. O acto de inauguración contará co presenza do concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, e representantes da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro.
Durante esta fin de semana, os comerciantes de Bertamiráns e do Milladoiro, en colaboración co Concello de Ames, organizan a oitava edición da Feira do Comercio Val da Maía. Deste xeito, os comerciantes participantes poderán dar a coñecer os seus produtos en diversos sectores coma o téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, fogar, regalos, chemineas e instrumentos musicais. O goberno municipal pretende alternar entre Bertamiráns e O Milladoiro a organización dos principais eventos que se desenvolven no municipio, polo que en 2013 a Feira do Comercio será no Milladoiro.
Os comercios ofrecerán unha amplía variedade de produtos como roupa, complementos, calzado, produtos do fogar, electrónica, lentes, instrumentos musicais, produtos de artesanía, etc. As instalacións disporán dunha grande amplitude e comodidade xa que serán 400 metros cadrados dedicados á colocación das casas de comercio. Como novidade deste ano, a organización ten confirmada a presenza de 8 artesáns que realizarán demostracións en directo do seu traballo nalgún dos expositores, e unha tenda de instrumentos musicais. Ademais, o pavillón polideportivo estará dotado dunha rede wifi para que os comerciantes que o precisen poidan conectarse á rede.
No posto que terá montado o Concello de Ames haberá un oco para dar conta dos proxectos que ten en marcha a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Deste xeito, proporcionarase información sobre o voluntariado e recolleranse tapóns para a campaña en favor de Paula, unha nena de 16 meses que ten agenesia sacra. Tamén se recollerá material escolar para outra das campañas que se está desenvolvendo dende a Oficina de Voluntariado.
Oferta lúdica e grastronómica
Ademais de poder comprar diversos produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan a VIII Feira do Comercio Val da Maía poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e grastronómica. No interior do recinto haberá un espazo de ocio educativo, atendido por persoal cualificado, para nenos de entre 2 e 12 anos en horario de 12:00 h a 14:00 horas e de 16:30 h a 20:30 horas. Do mesmo xeito, complementando o espazo de gardería instalaranse inchables, tanto no exterior como no interior, como atracción lúdica para os máis pequenos baixo a supervisión de monitores. No interior haberá un parque de bolas, mentres que no exterior do recinto instalarase unha carpa cos inchables de maior tamaño.
No eido gastronómico hai que destacar que no exterior do pavillón haberá instalados varios postos de churros e rosquillas. Ademais, este ano, como novidade haberá dúas pallozas que servirán pizzas artesanais e chourizos ao viño. Ofrecerase tamén un servizo de cafetaría, tanto no interior coma no exterior do recinto, incluíndo un posto de venda de polbo.
Actos de conmemoración do Día da Muller
Pero as novidades non rematan aí, xa que este ano como a Feira do Comercio coincide en datas próximas á conmemoración do Día da Muller, o Concello de Ames preparou unha serie de actos que se realizarán no propio recinto onde se desenvolve a feira de saldos. Deste xeito, instalarase no pavillón polideportivo o "Mural pola Igualdade", elaborado en colaboración coas bibliotecas municipais, no que se presenta o conto "Paconeves e as sete ananiñas", unha revisión do relato tradicional no que os roles aparecen cambiados coa intención de promover unha reflexión sobre a situación da muller na sociedade. Todos os interesados poderán colaborar deixando a súa mensaxe relacionada co Día da Muller sobre o mural. A cambio, recibirán unha chapa co lazo violeta que conmemora a xornada.
Ademais, o sábado 10 de marzo ás 12:00 horas, darase lectura á declaración institucional do Concello de Ames con motivo da conmemoración do Día da Muller. Na lectura desta declaración institucional participarán representantes dos tres grupos municipais. Este acto faise no recinto da Feira do Comercio co fin de procurar a maior implicación posible da cidadanía. Pola tarde, ás 17:00 horas, desenvolverase un obradoiro con nenos que aprenderán a elaborar monicreques mentres se conversa con eles co fin de difundir, tamén a través dos xoguetes, valores de tolerancia e educación non sexista.




