Pestanas principais

Xa está todo listo para que os Reis Magos de Oriente percorrán o Concello de Ames

Xoves, 04 de xaneiro de 2024

Como parte da Gran Festa de Reis organizada polo Concello de Ames, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán todos os recunchos da vila o 5 de xaneiro, enchendo o concello de maxia e ilusión. Mañá pola mañá, as Súas Maxestades visitarán as parroquias amesás e, xa pola tarde, percorrerán as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns coas súas cabalgatas. Ese mesmo día, o fin de festa reunirá a grandes e pequenos nos pavillóns municipais para despedir ás Súas Maxestades de Oriente e desfrutar dunha merenda, amenizada cun espectáculo de animación infantil. Toda a programación municipal de Nadal pode consultarse premendo nesta ligazón.

Xa está todo preparado para que os Reis Magos de Oriente visiten todos os recunchos do concello de Ames, escoitando os desexos dos máis pequenos e levando ilusión a todas as casas.

Visita ás parroquias e cabalgata
O día 5 de xaneiro pola mañá, os Reis Magos pasarán polas parroquias do concello, visitando os locais sociais, para que tanto os cativos e cativas dos núcleos urbanos como do rural poidan acudir a velos. Desta maneira, ao longo da mañá, Melchor, Gaspar e Baltasar estarán nas once parroquias do Concello de Ames. Así, pasarán por Ameixenda e Cruxeiras a partir das 10:00 horas, por Augapesada ás 10:30h, por Piñeiro e Covas ás 11:00h, por Tapia e Ortoño ás 11:30h, por Lens ás 12:00h, por Agrón e Bugallido ás 12:30h, por Trasmonte ás 13:00h e por Biduído ás 13:30 horas.

Para finalizar a Gran Festa de Reis, o venres 5 pola tarde celebraranse dúas cabalgatas, nas que participarán 82 nenos/as e mozos/as, divididos en distintas carrozas, e nas que se repartirán caramelos. O percorrido das cabalgatas pode consultarse nesta ligazón.

A primeira cabalgata será a do Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. A comitiva real sairá da rúa Agriños, proseguirá pola Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio - Rúa de Abaixo – Rúa Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Agro do Medio - Rúa Cereixos – Travesía do Porto. Ao rematar, as Súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade arredor das 18:00 horas. Alí despediranse dos máis pequenos da casa e darán paso ao espectáculo de animación infantil ”Estrela de mar pincha!”. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de iogures doados por CLUN.

Posteriormente, os Reis chegarán a Bertamiráns, onde a cabalgata será de 19:00 a 20:00 horas. As carrozas sairán da estrada de Lapido, á altura do 108; a continuación proseguirán por Avenida da Maía – Travesía do Pedregal – Rúa Pedregal – Avenida da Maía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón. Igual que acontecerá no Milladoiro, haberá un fin de festa do pavillón municipal, onde tamén se poderán degustar a rosca con chocolate e os iogures de CLUN. Tamén en Bertamiráns se representará o espectáculo “Estrela de mar pincha!”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Llegan los Reyes Magos, consulta el horario de la cabalgata de tu concello"

Lindeiros: "Os Reis chegan a toda a bisbarra, como magos que son"

Xa está todo listo para que os Reis Magos de Oriente percorrán o Concello de Ames

Multimedia

  • Xa está todo listo para que os Reis Magos de Oriente percorrán o Concello de Ames