Pestanas principais

Xa está na rúa o terceiro número do Xornal municipal gratuíto 94kmª

Martes, 29 de xaneiro de 2019

[29-01-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, puxo en marcha en 2017 unha nova iniciativa no eido da información municipal. O departamento de prensa edita un xornal gratuíto denominado 94kmª. Trátase do xornal oficial do Concello de Ames, no que se abordan os temas de maior actualidade política e as actividades municipais nos 94 quilómetros cadrados do termo municipal. O novo xornal municipal dá conta á veciñanza de Ames do traballo municipal como preludio ás xuntanzas nas parroquias e núcleos urbanos. Actualmente, estanse repartindo os 10.000 exemplares do terceiro número. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o terceiro número deste xornal.

No terceiro número, publicado neste mes de xaneiro de 2019, fíxose un resumo das actuacións do segundo semestre de 2018. Conta con 24 páxinas nas que se dá conta da elaboración do Regulamento de Participación Cidadá; do investimento feito en obras de saneamento; da urbanización da Travesía do Porto, no Milladoiro; da cubrición de dous parques infantís; dos proxectos incluídos no POS+ 2019; das actividades realizadas pola Aula da Natureza e da Brigada municipal de Garda Ambiental; do plan de prevención de incendios forestais; da modificación do regulamento de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas; da cesión dunha parcela para a ampliación do CEIP Agro do Muíño; e da posta a disposición da Xunta dunha parcela para a construción dun novo CEIP no Milladoiro.

Ademais, no Xornal 94kmª recóllese a elaboración do informe A lingua no CEIP Agro do Muíño; a posta en marcha do I Premio Lingua-Empresa; a oferta formativa da OMIX de Ames; as melloras nas instalacións deportivas; o récord de inscricións nas Escolas deportivas; o balance do primeiro ano da Renda social e de emerxencias; a apertura do Fogar de tránsito; a terceira campaña Ames en Negro; as VIII Xornadas Acércate á Igualdade; os programas de cooperación voluntariado e promoción de hábitos de vida saudable; o balance do programa Vives Emprende en 2018; os programas integrados e obradoiros de emprego; a ruta As Pegadas de Rosalía; e o impulso do turismo amesá a través dos camiños de Santiago que pasan por Ames.

Por outra banda, destácase o investimento feito a través dos Orzamentos Participativos de 2018, tanto para o rural como para a mocidade; do superávit do exercicio 2017; do portal web de Orzamentos abertos; da implantación da Administración electrónica; do período medio de pago a provedores; do inicio da negociación do Orzamento de 2019; do proxecto de radio cidadá de Ames Radio; do deseño e implantación da nova web municipal; da humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro; do balance das actuacións da Agrupación de Protección Civil; das modificacións puntuais da RPT; do balance en materia de seguridade, delitos e infraccións; da regularización da Escola de Música; das actividades culturais realizadas en 2018; da promoción do patrimonio; e da execución do plan Impulsa Ames da EDUSI.

Os 10.000 exemplares impresos do xornal estanse repartindo en locais hostaleiros, centros deportivos, gasolineiras, locais municipais, oficinas do Concello de Ames, centros socioculturais, locais parroquiais, etc. co fin de chegar a maior parte da veciñanza amesá. Asemade, tamén se pode descargar na web municipal nun banner que está na páxina de inicio, así como no apartado de Áreas – Comunicación.

Mellora e ampliación da comunicación
Un dos puntos recollido no Acordo de Investidura do actual alcalde José Miñones, asinado por Ames Novo, BNG, Contigo Pódese e PSdeG-PSOE, referíase á necesidade de facilitar total información sobre o goberno municipal e a súa xestión, así como ao compromiso claro do funcionamento municipal dos medios de comunicación do Concello.

A web e a radio municipais e os perfís de Facebook e Twitter do Concello, así como o Portal de Transparencia, ofrecen acotío informacións diarias de toda a actividade municipal. Pero nin toda a veciñanza de Ames pode acceder á Internet, nin todo o mundo pode escoitar a radio municipal. Respondendo, logo, a ese antedito compromiso, o Concello de Ames dotouse dun novo medio, un xornal de factura netamente municipal, para poder ser lido por toda a veciñanza.

A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, destaca "os medios de comunicación privados non chegan a reflectir máis ca unha pequenísima parte da actividade municipal. Este boletín gratuíto e en papel, de carácter semestral, ofrécelle unha panorámica do traballo desenvolvido en todos os eidos do Concello a toda a veciñanza, independentemente do seu acceso á prensa privada ou aos novos medios. É un instrumento fundamental para mellorar a transparencia e a rendición de contas diante da cidadanía".

Trátase non tanto dun medio para trasladar información de última hora e actualizada, como para render contas sobre o que se está a facer. O primeiro número, publicado en novembro de 2017, resumiu a actividade dos dous primeiros anos de goberno (de 2015 a 2017), mentres que o segundo número recolleu a actividade do primeiro semestre de 2018.

A través deste novo xornal preténdese ofrecer unha panorámica do traballo desenvolvido polo goberno municipal, para que as xuntanzas coa veciñanza sexan máis áxiles e eficaces, e para que haxa un maior coñecemento dos temas municipais, e así poidan suscitar curiosidade, preguntas e maior desexo de afondamento e control por parte da cidadanía.