Pestanas principais

Xa está listo o programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2011-2012

Sábado, 27 de agosto de 2011

[27-08-2011] Todos e todas as amantes do deporte e os obradoiros culturais xa poden consultar o novo programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2011-2012. A partir do vindeiro luns 29 de agosto todos os/as interesados/as poderán solicitar información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo para renovar a praza, para as persoas xa inscritas no pasado curso, ábrese o 5 de setembro e prolongarase ata o día 9 do mesmo mes. O segundo prazo de matrícula, para prazas libres e grupos de nova creación, irá dende o 14 ata o 20 de setembro.

Forma de pagamento

Á hora de inscribirse é necesario achegar os datos persoais do inscrito/a, e no caso dos menores de idade tamén do titor ou titora. Unha vez que se obteña praza na actividade, haberá que realizar o ingreso do importe total da cota que custa a actividade e entregar o xustificante de pagamento nos locais de inscrición ou envialo por correo electrónico dentro dos prazos estipulados. As persoas que se inscriban no primeiro prazo deben de entregar o impreso de pagamento no mesmo momento no que se efectúe a matrícula. Mentres que as persoas que se inscriban durante o segundo prazo deben de entregar o xustificante de pago entre do 26 ao 29 de setembro, unha vez que obteñan praza no sorteo público.

Ademais, para incrementar a participación, o Concello de Ames ofrece descontos nos prezos dalgunhas actividades polo segundo e o terceiro membro menor de 18 anos que se matricule. Para obter máis información podes consultar o programa en PDF que se atopa na ligazón que está na marxe dereita baixo o epígrafe de "descargas".


Segundo prazo de inscrición

Para as prazas libres e grupos de nova creación, o segundo prazo de inscrición irá desde o 14 ata o 20 de setembro. Neste caso a matrícula tamén haberá que facela na Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Ademais os días 14 e 15 de setembro tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h. a 18:00 horas.

Neste segundo prazo de inscrición, se hai máis solicitudes que prazas, farase un sorteo público e nunca se adxudicarán por orde de chegada. Para iso realizarase un sorteo público o xoves 22 de setembro, ás 12:00 horas, no salón de Plenos do Concello de Ames. As listaxes definitivas de admitidos/as publicaranse o venres 23 na web do concello e nos taboleiros da Casa da Cultura do Milladoiro e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Como nos anos anteriores, para matricularse nas escolas deportivas e obradoiros culturais é imprescindible estar empadroado/a no Concello de Ames. Ademais, cada alumno/a só poderá inscribirse en dúas escolas deportivas e dous obradoiros culturais como máximo, sempre que non coincidan horarios. As clases, segundo o previsto, arrancarán a semana do luns 3 de outubro e finalizarán o 31 de maio de 2012.


Primeiro prazo de inscrición

A partir do vindeiro luns 29 de agosto todos os/as interesados/as poderán solicitar información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dous prazos para poden formalizar a matrícula nas actividades que se enmarcan dentro deste programa cultural e deportivo. Todas aquelas persoas que xa estiveron inscritas no curso 2010-2011 poden renovar a súa praza do 5 ao 9 de setembro.

Para formalizar a matrícula deberase acudir á Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Ademais os días 5 e 6 de setembro tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h. a 18:00 horas, para maior comodidade da veciñanza amiense. Ademais poderase confirmar a súa praza vía telemática premendo nun banner que estará situado na páxina principal da web municipal. A vía telemática estará dispoñible ata ás 14:00 horas do 9 de setembro. Todas as inscricións que se fan fóra de prazo non serán tidas en conta. Os usuarios/as que opten por esta vía tamén teñen que entregar o xustificante de pagamento persoalmente ou por correo electrónico (administracion.cultura@concellodeames.org ou deportes@concellodeames.org) dentro deste mesmo prazo (do 5 ao 9 de setembro).

Cómpre recordar que non se considerarán inscritos no curso anterior aqueles alumnos e alumnas que tramitaran a baixa da actividade. Ademais, o Concello non garante que o grupo e o horario da actividade escollida para este curso coincida co do ano anterior. De todos xeitos, reservaranse as prazas nas actividades do curso anterior incorporándose, se é posible, no mesmo grupo ao que pertencían ou nun novo grupo que lle corresponda por ano de nacemento.


Aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, fútbol sala, natación, actividade física para discapacitados, pilates, obradoiros de teatro, xadrez ou manualidades son algunhas das actividades que se desenvolverán ao longo do curso 2011 - 2012 dentro do programa das escolas deportivas e obradoiros culturais. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados positivos. Para facerse unha idea, no curso pasado máis de 1.700 persoas, das que 800 foron nenos e nenas, se beneficiaron destas actividades físicas que se imparten tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

As actividades deportivas ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, neste curso 2011- 2012, os e as amienses poderán gozar de seis obradoiros como son o de baile de salón, manualidades, teatro, xadrez, canto, baile e música tradicional. A esta oferta hai que engadirlle as actividades propias das escolas deportivas como son aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, fútbol sala, natación, voleibol, predeporte, actividade física para discapacitados, pilates, tenis de mesa, spinning, patinaxe e tenis.

O programa de actividade física para discapacitados/as é gratuíto e non dispón de límite de prazas. En total son case 20 actividades das que todos e todas as amienses, de todas as idades, se poderán beneficiar. Entre os obradoiros culturais e as escolas deportivas ofértanse arredor de 1.700 prazas.