Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para que os comerciantes amienses poidan inscribirse na iniciativa Ilusións nos Escaparates e no tradicional Concurso de Escaparates de Nadal

Luns, 26 de novembro de 2012

[26-11-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, deseñou para este Nadal 2012 unha completa campaña de promoción e dinamización do comercio co obxectivo de atraer público e incentivar as compras no tecido empresarial do municipio. Tras a reunión da Mesa Local de Comercio, celebrada o pasado 16 de novembro, a Concellaría púxose en contacto cos comerciantes amienses para trasladarlles todos os detalles da campaña e os prazos de inscrición nas diferentes actividades. De feito, xa está aberto, ata o vindeiro 13 de decembro, o prazo de inscrición no tradicional Concurso de Escaparates e na novidosa iniciativa Ilusións nos Escaparates. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar as bases do concurso de escaparates e os impresos para inscribirte no concurso de escaparates e no programa Ilusións nos escaparates.

Consciente da grande importancia das ventas que se realizan durante o Nadal, o Concello modificou e ampliou as accións que se viñan desenvolvendo en anos anteriores. Así o Concurso de Escaparates, o servizo gratuíto de Ludotecas e o Alumeado (o acendido está previsto para o día 14 de decembro) mantéñense, con algunha pequena variación, igual que nas campañas doutros anos.

A estas actividades engádese unha Exposición de Ilusións Ópticas, que poderá contemplarse entre o 17 e o 23 de decembro en Bertamiráns e do 26 de decembro no Milladoiro ao 4 de xaneiro, e a iniciativa Ilusións nos Escaparates, mediante a que se porá a disposición do empresariado que o solicite un mago para que instale unha ilusión óptica (relacionada coa exposición) no escaparate do seu establecemento. Ademais, levarase a cabo, en colaboración coa Concellaría de Cultura de Ames, o programa Maxia de Preto, no que, coincidindo coa celebración do X Festival de Maxia entre os días 14 e 16 de decembro, desenvolveranse unha serie de pequenas actuacións e xogos de maxia en algúns establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro.

O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, destaca que, en canto as novas accións deseñadas, “o que tentamos foi conxugar o comercio coas emocións, resaltando a Ilusión e, en consecuencia, a esperanza que coa chegada do Nadal medra en todos e todas nós, e de maneira moi especial nas nenas e nenos”.

Bernardo Moar fai fincapé en que “o obxectivo que perseguimos a hora de desenvolver estas actividades lúdicas é aumentar a presenza de persoas nas rúas, e non só das persoas residentes en Ames senón tamén da poboación doutros concellos da nosa contorna, e incentivar as ventas e o consumo nos nosos comercios e locais de hostalaría”. O concelleiro agradece aos comerciantes amienses “a súa cooperación neste programa e noutros postos en marcha polo Concello, xa que sen esta participación e colaboración estas actividades non terían razón de ser”.

Iniciativas novidosas
Unha das novidades deseñadas para este Nadal será unha Exposición de Ilusións Ópticas, baseada na fantasía e na percepción. Esta exposición, que poderá contemplarse entre o 17 e o 23 de decembro en Bertamiráns e do 26 de decembro ao 4 de xaneiro no Milladoiro, contará coa presenza de profesionais da maxia que interactuarán co público durante as visitas. O acceso será gratuíto para aquelas persoas que presenten un recibo de compra de calquera establecemento de Ames por importe mínimo de 10 euros. En caso de non presentar vale de compra deberán aboar 2 euros. Co obxectivo de achegar esta actividade a poboación infantil organizaranse visitas guiadas, e gratuítas, para os/as nenos/as de Educación Primaria que acoden a centros escolares de Ames antes do inicio das vacacións.

Durante as datas de Nadal, o Concello de Ames tamén poñerá en marcha a iniciativa Ilusións nos Escaparates, mediante a que se porá a disposición do empresariado que o solicite un mago para que instale unha ilusión óptica (relacionada coa exposición) no escaparate do seu establecemento. Esta intervención é gratuíta e atenderanse as solicitudes de participación por rigoroso orde de entrada no rexistro municipal. Ofértanse 12 prazas, e os establecementos que participen neste programa serán excluídos do Concurso de Escaparates.

Xa se poden presentar as solicitudes para participar nesta iniciativa. Os impresos poden presentarse ata o 13 de decembro no rexistro municipal (oficinas de Bertamiráns e O Milladoiro), en horario de 9,00 a 14,00 horas de luns a venres. As ilusións ópticas estarán instaladas nos escaparates a partir do 17 de decembro ata o 5 de xaneiro.

Ademais, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Ames levarase a cabo a iniciativa Maxia de Preto. Coincidindo coa celebración do X Festival de Maxia entre os días 14 e 16 de decembro, desenvolveranse unha serie de pequenas actuacións e xogos de maxia en algúns establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro, seleccionados mediante un sorteo entre os locais que participaron no programa Cultura de Bar.

Escaparatismo de Nadal
Un ano mais, mantense o Concurso de Escaparates de Nadal. Xa esta aberto o prazo de inscrición para poder participar nesta edición. As solicitudes poderán presentarse ata o 13 de decembro no rexistro municipal (oficinas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro), en horario de 9,00 a 14,00 horas de luns a venres.

Os escaparates deben estar montados e expostos desde o 14 de decembro ata o 5 de xaneiro. Durante estas datas, calquera membro do xurado poderá visitar os establecementos participantes no concurso. O fallo do xurado e a entrega de premios terán lugar ao longo do mes de xaneiro de 2013.

Este concurso esta dotado coa cesión de espazos publicitarios na radio municipal durante un mes consecutivo para os tres primeiros clasificados. Ademais, entregaranse os seguintes premios en metálico: un primeiro premio de 800 euros; un segundo de 600 e un terceiro de 400 euros.

Na sección de Avisos desta paxina web tamén podes consultar as bases e descargar os impresos de inscrición.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Aberto o prazo para que os comerciantes amienses poidan inscribirse na iniciativa Ilusións nos Escaparates e no tradicional Concurso de Escaparates de Nadal"