Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para participar no V Certame artístico-literario Intercentros do Concello de Ames

Sábado, 23 de febreiro de 2013

[23-02-2013] Un ano máis ponse en marcha o Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames, que acada así a súa quinta edición. Neste certame pode participar o alumnado do segundo e do terceiro ciclo de primaria dos centros de ensino do Concello de Ames que presenten un texto ilustrado (conto ou poesía) escrito en lingua galega. Os traballos poderán presentarse de xeito individual ou por parellas. Nesta edición, a temática xirará arredor das vantaxes ou oportunidades que nos achega a lingua galega. O prazo para a presentación dos traballos remata o vindeiro día 15 de abril. Os premios entregaranse o día, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

O V Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames ofrece un ano máis aos nenos e nenas amienses a oportunidade de desenvolver e amosar as súas capacidades de creación literaria. Os alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclos de primaria dos centros de ensino do concello poderán elaborar un texto en prosa ou en verso acompañado dun debuxo propio e entregalo ao seu titor ou titora. A primeira fase de selección dos textos levarase a cabo nos propios colexios.

Dende os propios centros de ensino enviaranse con posterioridade, antes do 15 de abril de 2013, os orixinais e dúas copias dos traballos seleccionados ao seguinte enderezo: Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220, Ames. Se os traballos se entregan en man, depositaranse no Rexistro do Concello para que quede constancia da súa recepción.

Na segunda fase de selección, un xurado formado por tres membros designados polo Concello de Ames escollerá os traballos premiados. A decisión do xurado farase pública e comunicaráselles aos centros o luns, 6 de maio de 2013. Os premios entregaranse o 16 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Temática: vantaxes ou oportunidades da lingua galega
Nesta edición do Certame, a temática xirará arredor das vantaxes ou oportunidades que nos achega a lingua galega. O alumnado participante terá que presentar un relato en prosa ou en verso no que figuren as seguintes palabras clave: nenos/as, futuro, lingua, oportunidade, e país. Valorarase tanto o texto coma a ilustración que o acompañe. Poderanse presentar textos en prosa ou en verso acompañados dunha ilustración. En prosa, a extensión mínima será de 200 palabras e a máxima de 500. En poesía, a extensión mínima será de 20 versos e a máxima de 50. Entregarase o texto orixinal escrito á man, acompañado de dúas copias.

O Certame ten establecidas dúas categorías e tres premios por cada categoría. Na primeira categoría, compiten nenos e nenas matriculados en 3º e 4º de primaria. Na segunda, nenos e nenas matriculados en 5º e 6º de primaria. O primeiro premio de ambas categorías é de 100 euros, de 80 o segundo e 50 o terceiro. Ás persoas premiadas entregaráselles un vale polo importe indicado para cada premio que poderán intercambiar por libros ou material didáctico nas librarías do Concello de Ames. Este certame, que está organizado polo Concello de Ames, conta coa colaboración dos equipos de dinamización lingüística dos colexios de Ames.

Para máis información poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística de Ames, que está situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, chamando ao número 981 884 991 ou enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.org