Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para participar na liña de axudas para a promoción do comercio amiense, que está dotada de 25.000 euros

Xoves, 20 de marzo de 2014

[20-03-2014] O Concello de Ames vén de aprobar as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio amiense. Neste exercicio, a convocatoria de subvencións está dotada de 25.000 euros. Esta contía repártese en dous capítulos. A primeira partida, destinada á promoción comercial, está dotada de 19.000 euros, mentres que a segunda partida estará destinada a infraestruturas e equipamentos e disporá de 6.000 euros. As bases foron aprobadas en Xunta de Goberno Local e foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado 17 de marzo. Polo tanto, as solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello dende o día 18 de marzo ata o 19 de abril, xa que o xoves 17 é festivo ao ser Xoves Santo. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria de subvencións.

Esta liña de subvencións está destinada a promover actividades desenvolvidas polas asociacións de empresarios e comerciantes existentes no Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro de asociacións. As actividades subvencionadas serán as que estas entidades desenvolvesen ao longo do pasado ano.

O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, destaca que, con esta convocatoria “inténtase achegar o comercio amiense ao maior número de clientes e mellorar a calidade da actividade comercial. Ademais, preténdese impulsar a existencia dunha actividade estable de promoción e mellorar o comercio dentro do ámbito territorial do Concello, programada e desenvolvida polas entidades asociativas do sector”.

Proxectos subvencionados
Na primeira partida, destinada á promoción comercial e dotada con 19.000 euros, subvencionaranse as accións e proxectos destinados á comunicación comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos e aquelas actividades destinadas á promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

Na segunda partida, dotada con 6.000 euros, subvencionaranse a mellora de instalacións, infraestruturas e equipamento das asociacións. Considéranse incluídos os gastos de funcionamento da asociación, entendéndose como tales os gastos de aluguer de locais e xestoría.

Para outorgar as axudas que se enmarcan dentro desta liña de subvencións valoraranse especialmente que as actividades plantexadas impliquen a colaboración de máis dunha asociación de comerciantes e/ou empresarios. Tamén se valorará outros criterios como o emprego do galego no desenvolvemento das actividades, o número de socios implicados nas actividades, ou o interese local da actividade, entre outros.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello dende o día 18 de marzo ata o 19 de abril, xa que o xoves 17 é festivo ao ser Xoves Santo. Polo tanto, haberá un prazo de un mes para presentar as solicitudes.