- Tematica
O programa Apego continúa a organizar diferentes propostas de ocio para as crianzas amesás neste mes de maio. Desta volta, coa excursión a Carballolandia, unha actividade xa habitual dentro do Apego, que se celebrará o vindeiro sábado 24 de maio e na que as familias participantes poderán visitar este ecoparque situado no Concello de Chantada, na Ribeira Sacra, e tamén o Ecomuseo do pazo de Arxeriz, localizado no concello do Saviñao, moi preto do Cabo do Mundo. Haberá servizo de autobús con saída ás 09.30 e regreso ás 21.00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A actividade é de balde, mais as persoas adultas que queiran visitar o museo do Pazo de Arxeriz deberán aboar alí mesmo o prezo de entrada (3 euros). O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, venres 16 de maio, ata o vindeiro venres día 23 de maio. As prazas para participar nesta actividade son limitadas, polo que é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, dentro do programa Apego, organiza a excursión familiar ao ecoparque de Carballolandia, situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. Ademais de gozar deste fermoso espazo natural, a excursión tamén incluirá unha visita ao Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, combinando deste xeito natureza, etnografía e historia.
Neste senso, ao longo da xornada do vindeiro día 24, realizaranse varias actividades ao aire libre que estarán conducidas por Anxo Moure, o Carballo con Botas. As familias e as crianzas poderán gozar de contos na árbore, paseos, xogos populares, xogo libre, bautizo en barca de río... e achegaranse ao mundo das árbores autóctonas, da contorna fluvial e dos seres mitolóxicos galegos, nun espazo natural pensado para o lecer e para a convivencia.
A actividade inclúe servizo de autobús, que terá a súa hora de saída ás 09.30 horas desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns e o seu regreso arredor das 21.00 horas. Así mesmo, o xantar e a merenda serán de campo, polo que cada familia deberá levar a súa propia comida e bebida. Esta actividade é gratuíta mais as persoas adultas que desexen acceder ao museo do Pazo de Arxeriz, deberán aboar a súa propia entrada, que ten un custo de 3 euros por persoa.
O prazo de inscrición para esta actividade está aberto ata o venres día 23 de maio. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas que queiran asistir, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 3 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.