Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para inscribirse nos cursos que organiza a Aula de informática do Milladoiro durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo

Xoves, 19 de xaneiro de 2012

[19-01-2012] Todos os usuarios/as da aula de informática do Milladoiro xa se poden apuntar nos cursos que están preparados para os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Un obradoiro de iniciación a Internet, un curso de elaboración de diapositivas de Entroido e un obradoiro de iniciación a Windows e ao procesador de textos Writer forman unha ampla oferta educativa para estes tres primeiros meses do ano. O prazo de inscrición xa comezou o día 11 de xaneiro e pecharase cando se esgoten todas as prazas ofertadas. De momento aínda quedan prazas libres en todos os cursos. As solicitudes de inscrición entregaranse na Aula de informática, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 16:00 horas a 20:00 horas.

A aula de informática do Milladoiro, situada na Casa da Cultura desta localidade, ten preparadas varias actividades para o primeiro trimestre do ano. O día 11 de xaneiro comezou o prazo de inscrición para poder participar en calquera dos cursos que se organizan co obxectivo de que os veciños e veciñas de Ames poidan aprender a manexar os programas informáticos máis útiles. O prazo pecharase no momento en que se esgoten todas as prazas ofertadas. Ata o de agora aínda quedan prazas libres para todos os cursos e obradoiros.

Os interesados e interesadas deberán formalizar a súa solicitude na mesma aula de informática do Milladoiro en horario de 16:00 horas a 20:00 horas. Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso as novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados.

A programación da aula de informática para o primeiro trimestre de 2012 comeza cun curso de iniciación a Internet que se celebrará dende o día 25 ao día 31 de xaneiro en horario de 10:00 h. a 11:30 horas ou de 18:00 h. a 19:30 horas. Un total de sete horas e media nas que os usuarios/as aprenderán sobre as ferramentas clave para moverse pola rede. Todas as persoas que estean interesadas en participar neste obradoiro deben saber que aínda quedan prazas dispoñibles. O curso é gratuíto e está destinado ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos previos de informática.

Xa no mes de febreiro impartirase un curso de elaboración de diapositivas de Entroido. Os destinatarios deste curso son os nenos e nenas de 8 a 12 anos interesados en aprender a manexar un programa de elaboración de diapositivas. Este curso celebrarase dende o día 13 ao 17 de febreiro en horario de 18:00 h. a 19:00 horas. O curso, que é gratuíto, ten unha carga lectiva de 5 horas. Para este curso hai 10 prazas dispoñibles.

En marzo celebrarase un curso de iniciación a Windows e ao procesador de textos Writer. O curso durará dende o día 2 ao 30 de marzo e levarase a cabo nos horarios de 10:00 h. a 12:00 horas ou de 19:00 h. a 21:00 horas. Os destinatarios deste curso son os maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. A duración deste curso é de 40 horas e ao contrario que os anteriores este non será de balde, custará 10 euros. As prazas para asistir tamén están limitadas a 10 por quenda (mañá e tarde). Neste curso tamén quedan prazas libres.

A aula de informática pon a disposición dos usuarios/as da sala varios programas de mecanografía. Os interesados en aprender a escribir con soltura nun teclado dun computador deben dirixirse á responsable da aula que lle informará ao respecto. Ademais, para resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.