[10-07-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organiza catro cursos durante o mes de setembro. No primeiro obradoiro os usuarios/as coñecerán máis polo miúdo como traballar cunha folla de cálculo, no segundo curso os participantes aprenderán a realizar trámites electrónicos. Tamén se ofertan actividades sobre o papel do community manager e o streaming de audio e vídeo, que terán unha duración de 16 horas. O prazo de inscrición para estes cursos estará aberto durante os meses de xullo e agosto. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amesá. A través deste servizo preténdese que todos os amesáns coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.
A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia. Nesta nova edición, o programa de formación conta con catro cursos que se desenvolverán ao longo do mes de setembro.
No primeiro obradoiro aprenderase a traballar cunha folla de cálculo. Os usuarios/as crearán táboas de datos e traballarán con fórmulas, crearán libros e traballarán con datos de distintas follas. Ademais, utilizaranse fórmulas básicas, abordarase a creación de gráficos e configurarán ás follas de cálculo para imprimilas. Esta actividade desenvolverase entre o día 11 e o 14 de setembro, en horario de 10:30 a 12:00 horas (os días 11 e 12 de setembro) e de 10:30 a 11:30 horas (os días 13 e 14 de setembro). Este curso está dirixida a todas aquelas persoas que teñan un manexo básico do ordenador.
O segundo obradoiro que se vai organizar permitiralles aos/as usuarios/as aprender a realizar trámites electrónicos. Nesta actividade os usuarios/as coñecerán que é a Administración electrónica e tamén comprenderán o que é un certificado dixital e os pasos para obtelo. Ademais, coñecerán os trámites electrónicos que nos ofrecen ás administracións públicas e realizarán algúns trámites en distintas administracións. Para acceder a esta actividade é indispensable coñecer o uso dun ordenador nun nivel básico e dispoñer unha conta de correo electrónico para facer consultas vía web.
Ademais destes dous cursos a Aula CeMIT de Ames continua coa programación multimedia e audiovisual do ano 2012. Dende o 17 e o 20 de setembro desenvolverase o curso de streaming de audio e vídeo, en horario de 10:00 h a 14:00 horas, mentres que o obradoiro de community manager realizarase tamén entre o 17 e o 20 de setembro, pero en horario de tarde de 16:00 h a 20:00 horas.
Aula Aberta
A aula CeMIT tamén se pode usar de forma libre, é dicir, para buscar información na internet, comprobar o correo electrónico, facer traballos, etc... As horas de Aula Aberta son polas mañás de 9:30 h a 13:00 horas, e polas tardes de 16:30 h ata ás 20:30 horas. Este horario depende das actividades programadas cada mes.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da sociedade da información.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da páxina web www.aulascemit.xunta.es/inscripcion ou chamar ao número de teléfono 662 371 511. Tamén poden enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Aberto o prazo para inscribirse nos cursos da Aula CeMIT do Concello de Ames"




