Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para inscribirse nos cursos que imparte a aula de informática do Milladoiro

Mércores, 03 de abril de 2013

[03-04-2013] A aula de informática do Milladoiro xa ten pechada a programación de cursos formativos que ofrecerá durante os meses de abril, maio, xuño e xullo. No mes de abril impartirase un obradoiro sobre a creación, administración e publicación de información nun blog. Para o mes de maio está previsto que se desenvolvan unhas xornadas de iniciación ao procesador de textos Writer. Por último, nos meses de xuño e xullo impartiranse dous obradoiros de mecanografía para nenos/as. Estes cursos son totalmente gratuítos. As inscrición xa se poden facer dende o día 3 de abril na propia Aula de informática, que está situada na Casa da Cultura do Milladoiro.

Dende este mércores, 3 de abril, xa se poden realizar as inscricións para os cursos formativos que ofrece a aula de informática do Milladoiro durante os meses de abril, maio, xuño e xullo. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente.

Durante o mes de abril desenvolverase un curso sobre a creación, administración e publicación de información nun blog. Esta actividade está dirixida ás persoas maiores de 18 anos con coñecementos básicos de informática e que dispoñan dunha conta de correo en Gmail. A actividade, que se desenvolverá os días 24 e 25 de abril, ofrecerase en dúas quendas: en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, e de tarde, de 18:00 a 19:30 horas. En total, terá unha duración de tres horas. Hai 10 prazas dispoñibles por cada unha das quendas.

En maio, impartiranse unhas xornadas de iniciación ao procesador de textos Writer. Este obradoiro tamén está dirixido ás persoas maiores de 18 anos que queiran aprender a usar un procesador de textos de maneira básica. As clases desta actividade impartiranse entre os días 13 e 16 de maio, en horario de 10:00 a 11:00 da mañá e de 18:00 a 19:00 horas da tarde. Este curso ten unha duración de catro horas e conta con 10 prazas dispoñibles por quenda.

Nos meses de xuño e xullo, a aula acollerá dous obradoiros de mecanografía, que están dirixidos aos nenos e nenas de 8 a 12 anos interesados en aprender a manexar un programa de mecanografía. En xuño, o curso impartirase entre os días 10 e 14, en horario de 16:15 h a 17:15 horas. En xullo, aproveitando as vacacións de verán, o curso de mecanografía realizarase do 8 ao 12 de xullo, en horario de mañá, de 12:00 a 13:00 horas. Estes cursos teñen unha duración de cinco horas e contan con 10 prazas dispoñibles para cada mes.

Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Deberá haber un mínimo de 7 inscritos para que se realicen estas actividades. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.