Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para inscribirse no curso de viticultura que organiza a Oficina de Voluntariado de Ames

Martes, 15 de outubro de 2013

[15-10-2013] Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no curso de viticultura “Seminarios de amigos da viticultura”. Este obradoiro formativo, organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), consta de 20 prazas e ten unha moi boa acollida entre os e as amienses, polo que as persoas interesadas en participar deben inscribirse o antes posible. O prazo quedará aberto ata o 28 de outubro, día no que comeza a décimo segunda edición deste seminario. Para facer a reserva da praza é necesario acudir a Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 662 377 044.

O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, pon en marcha a duodécima edición do seminario de viticultura. As persoas que estean interesadas xa poden realizar as inscrición neste curso relacionado coa viticultura. Este seminario impartirase todos os luns entre as 19:30 h e as 21:30 horas na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. Os encargados de impartir o curso de viticultura son Emilio de Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero, dous dos alumnos máis avantaxados de cursos anteriores.

As clases son moi dinámicas xa que se proxectan vídeos para ilustrar as explicacións teóricas e o último luns de cada mes realízase unha cata de viño. Neste curso abordaranse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, así como, se facilitarán coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, información sobre as mellores técnicas de poda que se deben aplicar.

Este obradoiro goza dunha gran acollida por parte dos veciños e veciñas amienses. O curso de viticultura supón unha maneira formidable de mellorar as súas explotacións vinícolas profesionais e, tamén, domésticas. Así, os seus cultivos poderán perfeccionarse e ter unha maior categoría grazas, sobre todo, a información sobre os métodos para combater as pragas e os consellos sobre as boas prácticas para unha correcta realización da poda.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Xa está aberto o prazo para o curso de viticultura que organiza a Oficina de Voluntariado de Ames"