Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para inscribirse na XII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

Venres, 14 de outubro de 2011

[14-10-2011] O prazo de inscrición para a décimo segunda edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames xa está aberto e rematará o xoves día 20 de outubro. O paseo fluvial de Bertamiráns será o escenario desta proba que se celebrará durante a mañá do vindeiro domingo 23 de outubro. Trátase dun evento xa máis que consolidado no termo municipal de Ames e que reúne cada ano a moitos atletas de toda a contorna e doutras localidades de Galicia. Todos os interesados poderán formalizar a súa inscrición por correo electrónico nas direccións inscricionsFGAsantiago@gmail.com, e deportes@concellodeames.org. Para máis información poden poñerse en contacto co departamento de deportes do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 981 884 991.

Os atletas que van participar na décimo segunda edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames teñen a súa cita 23 de outubro, para disputar unha das mellores probas deportivas que se celebran no termo municipal amiense. Cada ano que pasa a afluencia de deportistas é maior e nas rúas de Bertamiráns xúntanse un gran número de persoas que gozan practicando este deporte.

Ademais ao organizarse unha semana antes que a Carreira pedestre popular de Santiago de Compostela, esta proba conta cunha gran participación de atletas que veñen a Ames co fin de preparar a proba santiaguesa. Nesta actividade poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. As inscricións poderanse facer ata as 22.00 horas do día 20 de outubro enviando un correo electrónico á dirección inscricionsFGAsantiago@gmail.com. Os e as interesadas farán constar os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, localidade de procedencia, club e número de licenza federativa (se a ten). Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

Os corredores tomarán a saída ás 11:00 horas da mañá dende o paseo fluvial de Bertamiráns. Para poder participar, as persoas inscritas deberán recoller o seu dorsal ata media hora antes de que comece a proba na que participan. Os dorsais estarán depositados na secretaría da organización situada no paseo fluvial de Bertamiráns. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Os premios non serán acumulativos. A entrega de trofeos farase ao rematar a carreira. Aos atletas que obteñan algún premio poderáselles solicitar que acrediten a súa idade coa presentación do DNI ou pasaporte. Cómpre salientar que todo corredor ou corredora que chegue á meta sen o dorsal será automaticamente descualificado.

O percorrido e a distancia da carreira varían segundo a categoría e a idade dos participantes. A traxectoria máis longa ten 7.500 metros e será a que sigan os corredores das categorías xuvenil-júnior, promesa-sénior e dos diferentes grupos de veteranos. Os participantes das categorías infantil e cadete terán que correr nun circuíto de 2.500 metros, os alevíns de 1.500 metros, os benxamíns e prebenxamíns seguirán unha ruta de 500 metros.

O control da carreira estará a cargo do comité de xuíces e cronometradores da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela. Aínda que a proba sexa de carácter estritamente deportivo e popular, admitiranse reclamacións, pero agárdase un espírito e un comportamento deportivo por parte de todos os participantes. As reclamacións aos resultados oficiais formularánselle ao xuíz árbitro da competición non máis tarde de 30 minutos despois da publicación dos resultados.