Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para inscribirse na primeira edición do campus de Nadal do Bertamiráns F.C.

Xoves, 29 de novembro de 2012

[29-11-2012] O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a presentación do I Campus de Nadal do Bertamiráns FC, que se desenvolverá os días 24, 26, 27 e 28 de decembro no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Este evento deportivo organizado polo Bertamiráns F.C. conta coa colaboración do Concello de Ames. O prazo para inscribirse xa está aberto e rematará o próximo xoves 13 de decembro. O horario completo do campus será de 8:00 h a 15:30 horas (inclúe o almorzo e xantar), mentres que o horario que non inclúe almorzo e xantar abrangue dende as 9:30 h ata as 14:30 horas. O campus está dirixido aos nenos e nenas de 7 a 12 anos. No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e o presidente do Bertamiráns F.C., Rafael Budiño.


Tramitación das inscricións
O I Campus de fútbol de Nadal Bertamiráns F.C. está dirixido a rapaces e rapazas de entre 7 e 12 anos. Ofértanse un total de 60 prazas. As inscrición faranse por rigorosa orde de entrada. As solicitudes de inscrición poderanse facer por correo ordinario enviando a documentación necesaria á Cafetería Don Budi, Avenida da Maía, número 78 baixo ou presentando a devandita documentación en man nesta cafetería. Tamén se pode enviar por correo electrónico á dirección bertamiransfc@gmail.com.

Antes de enviar os impresos de inscrición haberá que realizar o correspondente pagamento poñendo en concepto Campus e o nome do neno/a inscrito e en ordenante o nome do pai/nai ou titor do neno/a inscrito. O prezo da matrícula varía segundo o neno/a dispoña do servizo de almorzo/xantar ou non. Deste xeito, a matrícula ordinaria é de 60 euros; a matrícula ordinaria e almorzo é de 80 euros; a matrícula ordinaria con comida é de 120 euros; e a matrícula ordinaria con almorzo e comida é de 135 euros.

Ao pé desta nova podes obter o impreso de inscrición e o tríptico do I Campus de Nadal. Para máis información e para obter o impreso de inscrición tamén poden poñerse en contacto co Bertamiráns F.C. a través do correo electrónico a bertamiransfc@gmail.com, chamando ao número de teléfono 620 875 369 ou entrando na web www.bertamiransfc.com


O Bertamiráns F.C. e o Concello de Ames organizan durante o vindeiro mes de decembro o I Campus de Nadal co obxectivo de ocupar o tempo de lecer dos nenos e nenas ao tempo que practican deporte. O campus será unha boa alternativa para que os rapaces e rapazas utilicen unha parte das vacacións de Nadal non só na práctica deste deporte, senón tamén en actividades formativas relacionadas co fútbol. A programación de actividades deste campus recolle adestramentos específicos, competicións internas, concursos, charlas e proxeccións de vídeos. Todas estas actividades estarán coordinadas polo corpo técnico do Bertamiráns F.C.

O programa que se seguira dentro do campus de fútbol comezará as 8:00 h co almorzo. A continuación, ás 9:30 horas, realizarase a proxección dun vídeo relacionado cun determinado aspecto do fútbol. Trala sesión de vídeo, ás 10:00 horas, comezarán co adestramento de fútbol. As 11:30 h farase un pequeno descanso para merendar e dispor de tempo libre. As 12:30 horas haberá competicións de fútbol. De seguido, os rapaces e rapazas que o desexen poderán quedar a comer e as 15:30 remata o campus. Estas actividades desenvolveranse os días 24, 26, 27 e 28 de decembro. O horario completo do campus será de 8:00 h a 15:30 horas (inclúe o almorzo e o xantar), mentres que o horario que non inclúe almorzo e xantar abrangue dende as 9:30 h ata as 14:30 horas.

O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, destacou que dende o Concello de Ames vaise colaborar na organización deste campus que organiza o Bertamiráns F.C. “Aproveito esta presentación para felicitar ao Bertamiráns F.C. polos campus deportivos que organiza todos os anos. Trátase dun evento moi importante que ocupa o tempo de lecer dos nenos e nenas durante as vacacións de Nadal. Deste xeito, poderán pasar as mañás entre amigos e practicando deporte que é algo fundamental para o desenvolvemento de calquera neno/a”, explicou Manuel Ferreiro.