[30-05-2012] O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a presentación do I Campus de Fútbol Base do Bertamiráns FC, que se desenvolverá entre o 25 e o 29 de xuño no campo de fútbol municipal de Bertamiráns e na praia fluvial de Tapia. Este evento deportivo organizado polo Bertamiráns FC conta coa colaboración do Concello de Ames. O prazo para inscribirse xa está aberto e rematará o próximo venres 15 de xuño. O horario completo do campus será de 8:00 h a 15:00 horas (inclúe o almorzo), mentres que o horario que non inclúe almorzo abrangue dende as 9:30 h ata as 15:00 horas. O campus está dirixido aos nenos e nenas de 8 a 12 anos. No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e o vicepresidente e director deportivo da modalidade de fútbol base do Bertamiráns FC, Alfonso Salgado.
O Bertamiráns F.C. e o Concello de Ames organizan durante o vindeiro mes de xuño o I campus de fútbol base co obxectivo de ocupar o tempo de lecer dos nenos e nenas ao tempo que practican deporte. O campus de fútbol será unha boa alternativa para que os rapaces utilicen unha parte das vacacións de verán, do 25 ao 29 de xuño, non só na práctica deste deporte, senón tamén en actividades relacionadas coa práctica doutros deportes como piragüismo. Ademais realizaranse adestramentos específicos, competicións internas, concursos, charlas, proxección de vídeos e actividades en piscina. Todas estas actividades estarán coordinadas polo corpo técnico do Bertamiráns F.C, que estará formado por 6 adestradores titulados, un adestrador de porteiros, monitores de tempo libre, un/unha fisioterapeuta e un/unha nutricionista.
O programa que se seguira dentro do campus de fútbol base comezará as 8:00 h co almorzo. A continuación, ás 9:30 horas, realizarase a proxección dun vídeo relacionado cun determinado aspecto do fútbol. Trala sesión de vídeo, ás 10:00 horas, comezarán co adestramento de fútbol. As 11:30 h farase un pequeno descanso para merendar e dipor de tempo libre. As 12:30 horas haberá competicións de fútbol. De seguido os rapaces e rapazas comerán e as 15:00 remata o campus. Estas actividades desenvolveranse entre o 25 e o 29 de xuño. O horario completo do campus será de 8:00 h a 15:00 horas (inclúe o almorzo), mentres que o horario que non inclúe almorzo abrangue dende as 9:30 h ata as 15:00 horas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, destacou que “a práctica de deporte pode ser unha boa alternativa para os cativos nos seus primeiros días de vacacións de verán. Mentres eles teñen tres meses libres, moitos pais e nais non teñen a mesma sorte, e as súas obrigas laborais fan máis difícil conciliar o traballo co coidado dos fillos e fillas. Para axudar a estas familias, o fútbol club Bertamiráns en colaboración co Concello de Ames organiza este campus de fútbol”.
Tramitación das inscricións
O I campus de fútbol base Bertamiráns F.C. está dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 a 12 anos. Ofértanse un total de 60 prazas. As inscrición faranse por rigorosa orde de entrada. As solicitudes de inscrición poderanse facer por correo ordinario enviando a documentación necesaria a Cafetería Don Budi, Avenida da Maía, número 78 baixo; ou por correo electrónico enviando a solicitude a dirección bertamiransfc@gmail.com. Antes de enviar os impresos de inscrición haberá que realizar o correspondente pagamento poñendo en concepto Campus e o nome do neno/a inscrito e en ordenante o nome do neno/a inscrito. Para máis información e para obter o impreso de inscrición deben poñerse en contacto co Bertamiráns F.C a través do correo electrónico a bertamiransfc@gmail.com, chamando ao número de teléfono 620 875 369 ou entrando na web www.bertamiransfc.com.




