[23-09-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, recórdalle a todas aquelas persoas que estean interesadas en obter o graduado en educación secundaria que poden apuntarse na Escola Municipal de Adultos. Para elo só teñen que pasar polo departamento de Educación, que está situado nas oficinas municipais que se atopan no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. Este servizo desenvólvese co obxectivo de axudar aos adultos a preparar os exames que son necesarios superar para a obtención do graduado en ESO. Para obter máis información poden chamar ao número de teléfono 981 891 476.
A Escola municipal de adultos axúdalles ás persoas maiores de 18 anos do concello a obter o título de educación secundaria preparando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Educación, son impartidas por unha técnica municipal do departamento de Educación.
Segundo destaca o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, “os resultados do curso pasado foron moi satisfactorios. Do número total de alumnos/as presentados aos exames finais, o 80% obtivo o título da ESO”. Ao alumnado restante quedoulle algún ámbito do que se terá que volver a examinar”. Ademais, 5 alumnos/as aprobaron 1º e 2º da ESO e este curso farán 3º e 4º co obxectivo de obter o graduado na ensinanza secundaria obrigatoria.
Esta actividade enmárcase dentro do programa de redución do abandono escolar nos concellos de Galicia para este ano 2013. Polo tanto o servizo está subvencionado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Curso intensivo de verán
A través deste programa tamén se organizou un curso intensivo de verán preparatorio para a obtención do título da ESO no que participaron 30 persoas. O dia 11 de setembro acabaron as clases deste curso intensivo de verán. Esta actividade desenvolveuse, entre o 17 de xuño e o 11 de setembro, en Bertamiráns e no Milladoiro de forma simultanea. Os exames desenvolvéronse o día 12 de setembro. Os resultados destas probas tamén foron moi satisfactorios xa que o 65% dos alumnos/as que se presentaron ás probas obtiveron o tan desexado certificado da ESO.
Valórase o perfil de cada alumno/a
As clases da Escola Municipal de Adultos impártense nunha aula do Centro de Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova ao longo da semana laboral, de luns a xoves en horario de 18:00 h. a 21:00 horas. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.
O curso está dividido en dous cuadrimestres, e dentro destes hai catro módulos equivalentes aos catro cursos que conforman a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Cada un dos módulos inclúe Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociais e Científico-tecnolóxico.
A matrícula está aberta todo o ano
A Escola municipal de adultos non esixe asistencia obrigatoria, e esta queda función das posibilidades de cada quen, xa que hai alumnado que compatibiliza un emprego coa formación. A matrícula permanece aberta ao longo do ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final en xuño no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas desde o comezo do curso para ter maiores garantías de aprobar.
Todos os veciños e todas as veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o Título de Graduado en Educación Secundaria, poden matricularse para este curso 2012-2013 no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden chamar ao departamento de Educación a través do número de teléfono 981 891 476.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El Concello anima a los mayores de Ames a sacar el título de Secundaria"




