Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para inscribirse na Escola Integral de Maiores

Martes, 23 de setembro de 2014

[23-09-2014] “Divírtete aprendendo” é o lema co que este ano inicia o curso a Escola Integral de Maiores. Dependente da Oficina do Voluntariado (OVA) e xestionada por mestres voluntarios, este servizo está dirixido a todas aquelas persoas que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novos e que agora queren facelo polo simple feito de aprender e seguir mantendo a mente áxil. As clases impártense os martes e os xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns e os mércores e os venres na Casa da Cultura de Milladoiro. As persoas que desexen inscribirse ou obter máis información deben dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA), que está na Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén poden chamar ao teléfono 662 377 044 ou enviar un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.org. O prazo de inscrición está aberto desde o día 22 de setembro.

Por doceavo ano consecutivo, o Concello de Ames pon en marcha un novo curso na Escola Integral de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta escola, moitos veciños e veciñas de Ames que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novos, aprenden a ler, a escribir ou a facer pequenas operacións matemáticas. Os alumnos e alumnas teñen a oportunidade tamén de adquirir coñecementos sobre xeografía, historia, escritura, gramática e lectura comprensiva. Ademais das actividades formativas, na Escola Integral de Maiores organízanse charlas, saídas culturais e excursións. Por outra banda nos últimos anos, moitos alumnos e alumnas desta escola tiveron a oportunidade de acudir ás clases de informática que, especialmente dirixidas a este colectivo, se organizaron nas Aulas de Informática de Milladoiro e Bertamiráns.

A Escola serve tamén como lugar de encontro para un colectivo no que abondan as persoas que viven soas polo que ao labor educativo do servizo súmase o beneficio que supón para estes homes e mulleres o contacto e a relación con outros veciños e veciñas que se atopan en situacións semellantes.  

O profesor voluntario Antonio Rodríguez Escalona e a profesora voluntaria Antonia Esperante Molinos son os encargados de impartir as clases e organizar todas as actividades que se realizan ao abeiro desta escola en Milladoiro e en Bertamiráns.

As clases no Milladoiro impártense na Casa da Cultura os mércores e os venres, en horario de 16:30 h a 19:00 horas, mentres que en Bertamiráns terán o mesmo horario, pero os mércores e os xoves.  

As persoas que desexen obter máis información deberán dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) ao teléfono 662 377 044, ou ben ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Tamén poden enviar un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.org