[08-03-2011] Os cativos e cativas que teñan de catro anos en diante poden participar na xincana ciclista que terá lugar este sábado día 12 de marzo. A Praza de Chavián, en Bertamiráns, será o epicentro desta actividade a partir das 16:30 horas. Os nenos e nenas poderán presentar calquera tipo de bicicleta para amosar as súas habilidades e destrezas e terán que ir provistos de casco. O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o venres 11 de marzo, ás 14:00 horas. Ademais de poder participar en probas de habilidade na bicicleta tamén haberá un circuíto de bicicletas de tres rodas (trickers). Esta actividade está organizada pola Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico e colabora a Asociación Galega de Ciclistas.
A bicicleta é o medio de transporte máis valorado polos pequenos da casa co que non só poden practicar deporte ao aire libre senón tamén pasear e desprazarse pola cidade. Son moitos os rapaces e rapazas que as utilizan. Ademais, emprégana para realizar probas de habilidade e deixar coa boca aberta a amigos e familiares.
Un ano máis a Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico pon en marcha a súa xincana particular para facer a delicia dos amantes desta actividade. Os e as ciclistas poderán amosar a súa agudeza sorteando conos, circulando por pasos estreitos, subindo e baixando ramplas que se moven ou baixando táboas, entre outros elementos.
Todos os anos esta actividade xunta a un gran número de nenos e nenas que pasan unha divertida tarde andando en bicicleta e realizando varias probas. O ano pasado foron uns 40 cativos os que o pasaron en grande ante a atenta mirada de pais, nais e todas as persoas que quixeron observar moi de preto o desenvolvemento das probas. Ademais dos participantes congregouse un gran número de público que asistiron a ver as probas da xincana ciclista.
Os nenos e nenas de catro anos en diante que se animen poderán volver a demostrar o que saben facer coas súas bicicletas este sábado na Praza de Chavián, en Bertamiráns. Todos e todas os inscritos gozarán a partir das 16:30 horas dunha tarde para descargar adrenalina e compartir cos presentes.
Circuíto especial
Todos os participantes deberán percorrer o circuíto establecido no menor tempo posible. Tamén haberá un espazo habilitado para trickers, iso é, bicicletas de tres rodas, e estará dispoñible para todos aqueles que prefiran esta actividade. Para participar soamente cómpre levar calquera tipo de bicicleta e ir provisto dun casco protector.
Inscrición
Para poder participar nesta xincana ciclista é necesario estar apuntado. Así, os que o desexen están a tempo de anotarse enviando un correo electrónico ao departamento de Deportes ou chamando ao teléfono 981 884 991.
Tan só deberán indicar o seu nome e apelidos, o enderezo, a data de nacemento así como facilitar un número de teléfono. O prazo de inscrición pecha este venres 11 de marzo ás 14:00 horas así que… ¡date présa e non quedes na casa esta fin de semana!




