Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nos cursos da aula de informática do Milladoiro

Martes, 21 de xaneiro de 2014

[21-01-2014] A aula de informática do Milladoiro xa ten pechada a programación de cursos formativos que ofrecerá durante o primeiro trimestre deste ano. No mes de xaneiro impartirase un obradoiro sobre a creación e uso dunha conta de correo electrónico, que está dirixido ás persoas maiores de 18 anos. Para o mes de febreiro está previsto que se desenvolva un obradoiro de procesador de textos, que está dirixido aos nenos e nenas de 8 a 10 anos. Por último, en marzo impartirase un curso para aprender a buscar emprego a través da rede. Este curso tamén está dirixido ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. Estes tres cursos son gratuítos.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nos cursos formativos que ofrece a aula de informática do Milladoiro durante o primeiro trimestre de 2014. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente.

Durante o mes de xaneiro desenvolverase un curso sobre a creación e uso dunha conta de correo electrónico. Esta actividade está dirixida ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. A actividade, que se desenvolverá os días 28, 29 e 30 de xaneiro, ofrecerase en dúas quendas: en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, e de tarde, de 18:00 a 19:30 horas. En total, terá unha duración de catro horas e media. Hai 10 prazas dispoñibles por cada unha das quendas.

No mes de febreiro, a aula acollerá un obradoiro de procesador de textos, que xirará arredor da temática do Entroido. Este curso está dirixido aos nenos e nenas de 8 a 10 anos interesados en aprender a manexar un procesador de textos. Este obradoiro impartirase os días 17, 18, 19 e 20 de febreiro en horario de 18:00 a 19:00 horas. Este curso ten unha duración de catro horas e conta con 10 prazas dispoñibles.

En marzo, impartirase un curso para aprender a buscar emprego a través da rede. Este obradoiro tamén está dirixido ás persoas maiores de 18 anos, sen coñecementos de informática, que queiran a aprender a usar un procesador de textos para elaborar un currículo e coñecer portais de emprego nos que os participantes se poidan rexistrar para participar en ofertas de emprego. As clases desta actividade impartiranse os días 24, 25, 26 e 27 de marzo, en horario de 10:00 a 11:00 da mañá e de 18:00 a 19:00 horas da tarde. Este curso ten unha duración de catro horas e conta con 10 prazas dispoñibles por quenda.

Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.

Novo horario de Aula Aberta
Cómpre lembrar que o Concello de Ames decidiu establecer un novo horario de apertura do servizo de Aula Aberta, que se ofrece na aula de informática do Milladoiro, co obxectivo de ampliar o acceso a este servizo de toda a veciñanza amiense. Deste xeito, abrirá catro días a semana en horario de tarde e un día pola mañá. Os veciños e veciñas que non poidan acudir en horario de tarde terán a posibilidade de facelo o venres pola mañá. O novo horario para o curso 2013-2014 será de luns a xoves, de 16:00 h a 20:00 horas, e os venres de 9:30 h a 13:30 horas.