- Tematica
O Concello de Ames publicou a semana pasada o programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 450 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes repartidos por diferentes localidades galegas e na Aula da Natureza de Ames. Estas actividades desenvolveranse dende o 21 de xuño ata o 24 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto do 30 de marzo ao 13 de abril. As inscricións poderanse tramitar a través da Sede electrónica, no catálogo de trámites: Campamentos 2026. Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.
Os campamentos de verán son unha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenos/as e mozos/as das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable ao tempo que proporcionar un achegamento ao medio natural, ao deporte e a cultura.
6 campamentos para o alumnado de primaria
Os/as rapaces e rapazas de primeiro de educación primaria poderán acudir do 2 ao 4 de xullo á Granxa Escola Bergando, en Negreira. Para este campamento ofértanse 40 prazas e o prezo é de 105 euros. Para o alumnado de segundo de educación primaria ofrécese o campamento Corazón de Carballo, en Tomiño, dende o 1 ao 3 de xullo. Neste caso tamén se ofrecen 40 prazas por un prezo 132 euros/persoa.
Os rapaces e rapazas de terceiro de educación primaria poderán ir á Granxa Escola El Kiriko, en Fornelos de Montes, do 20 ao 23 de xullo. Ofrécense 40 prazas por un prezo de 157 euros por cada praza. Para a rapazada de cuarto de educación primaria programouse a estadía no campamento de Fervenzaventura, en Silleda, do 20 ao 24 de xullo. Dispoñen de 45 prazas cun prezo de 206 euros/persoa.
Para os rapaces e rapazas de quinto de primaria está dirixido o campamento de Muíños, en Narón, do 21 ao 26 de xuño. Neste caso ofértanse 55 prazas cun prezo de 192 euros/praza. Por último, a rapazada de sexto de primaria poderá acudir tamén ao campamento de Muíños do 28 de xuño ao 3 de xullo. Para este campamento tamén hai 55 prazas a un prezo de 192 euros por persoa.
3 campamentos para a mocidade de secundaria e bacharelato
Por outra banda, para a mocidade de primeiro da ESO está dirixido o campamento de Abrente, en Portonovo, do 1 ao 7 de xullo. Para este campamento hai 35 prazas que contan cun o prezo de 273 euros/praza. O alumnado de segundo da ESO poderá acudir ao campamento de Mougás, en Oia, que se desenvolverá do 8 ao 14 de xullo. Para este campamento tamén se ofertan 35 prazas a un prezo de 287 euros/persoa. Para a mocidade de terceiro da ESO e bacharelato está programado o campamento Paisaxe II, no Grove, do 7 ao 13 de xullo. Neste caso ofértanse 45 prazas, que contan cun prezo de 279 euros/praza.
Campamento na Aula da Natureza
Ademais, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza dúas quendas para o seu campamento urbano, que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizarase do 29 de xuño ao 10 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 13 ao 24 de xullo. Só se pode optar a unha das quendas. Ofértanse 30 prazas por quenda e levaranse a cabo de luns a venres, en horario de 11:00 a 17:30 horas. O prezo é de 158 euros.
Solicitude de praza
O prazo para inscribirse xa está aberto dende hoxe e ata o vindeiro luns 13 de abril. A solicitude de praza farase presentando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). No caso de ser preciso a adxudicación de prazas mediante sorteo público, asignaráselle un número de participación que será publicado nas listas definitivas. O sorteo, de ser necesario, farase a través dunha aplicación informática.
O 10% das prazas están reservadas para o departamento de Servizos Sociais para casos de emerxencia social. Co fin de facilitar a tramitación dos campamentos, unha vez adxudicada a praza, a matricula quedará conformada realizando o pagamento. O primeiro pagamento haberá que efectualo do 25 ao 31 de maio e o segundo pagamento poderase facer do 8 ao 14 de xuño.
Máis información
Para máis información pódese contactar coa Aula da Natureza, chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou ben coa Concellaría de Xuventude, chamando ao teléfono 616 083 229 ou escribindo a xuventude@concellodeames.gal. O horario de atención de ambos departamentos será de 9:00 a 14:00 horas.






