Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación Setembro Lúdico

Martes, 06 de agosto de 2013

[06-08-2013] Para ocupar o tempo de lecer que teñen os nenos e nenas dende o remate da Escola de Verán e o comezo do curso escolar, a concellaría de Educación do Concello de Ames pon en marcha o programa Setembro Lúdico. Esta iniciativa está dirixida aos rapaces e rapazas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria, que están empadroados no Concello de Ames. Este programa de conciliación da vida laboral e familiar desenvolverase os días 2, 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de setembro. O prazo de inscrición ábrese dende hoxe, luns 22 de xullo, ata o vindeiro 6 de agosto. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. Premendo no enlace que está á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os impresos de inscrición do programa Setembro Lúdico e as bases dos programas lúdicos.

Un ano máis, o Concello de Ames oferta unha alternativa para o tempo de lecer dos nenos e nenas amienses ademais dunha boa oportunidade para conciliar a vida laboral e familiar a través do programa Setembro Lúdico. Os beneficiarios serán os cativos de segundo ciclo de educación infantil e os nenos e nenas de educación primaria empadroados no Concello de Ames. Tamén poderán acceder ao programa as fillas e fillos de persoas, que estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio. Esta situación deberá acreditarse cun certificado da empresa ou institución correspondente. Tendo sempre preferencia os empadroados no Concello.

O programa iniciase ás 7:30 h co servizo 'Bos Días' que se desenvolverá ata as 9:00 horas, podendo o usuario/a escoller entre as modalidades con ou sen almorzo. O servizo de almorzo só funcionará ata ás 8:30 horas. Entre as 9:00 e as 14:30 horas desenvolveranse as actividades de lecer e educativas propias do servizo. No caso de Bertamiráns, os nenos e nenas desenvolverán as actividades no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro as actividades terán lugar na escola infantil, situada na Travesía do Porto, na Casa da Cultura e no pavillón polideportivo. Os nenos e nenas que non vaian usar o servizo de comedor serán recollidos/as ás 14:30 horas. Os usuarios de comedor terán xogo libre e comedor ata as 16:00 horas.

Prazo de inscrición
Este luns, 22 de xullo, abre o prazo de inscrición para participar no programa do Setembro Lúdico. As solicitudes de inscrición poderán presentarse ata o 6 de agosto. Todas as persoas que desexen inscribir neste programa os seus fillos/as terán que entregar a ficha de inscrición cuberta, os impresos de autorizacións, unha fotocopia da tarxeta sanitaria e unha fotocopia do libro de familia completo. O libro de familia e a tarxeta sanitaria, só se entregarán nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación, ou houbese algún cambio na situación familiar.

Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. Posteriormente, haberá que entregar esta documentación no Rexistro Xeral da Casa do Concello en Bertamiráns (de luns a sábado), na Oficina Municipal do Milladoiro ou no Rexistro do departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina (de luns a venres). Tanto para a entrega como para a recollida dos papeis, o horario é de 9:00 h a 14:00 horas. En ningún caso se admitirán inscricións fóra de prazo.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos/as na que se indicarán os lugares das actividades por grupos nos taboleiros de anuncios do Casa do Concello, do pazo da Peregrina e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao departamento de Educación marcando o número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org.