[20-09-2013] A Asociación Taller de Encaixe, en colaboración co Concello de Ames, volve pór en marcha o curso “Encaixa as túas cores” onde os asistentes poderán coñecer as diferentes técnicas desta arte de decoración. Neste obradoiro ensinarase a traballar o encaixe de Galicia, que se coñece como encaixe de Camariñas por todo o mundo. Tamén se lle ensinarán encaixes doutras partes do mundo (ruso, Idrija, Hinojosa), así como técnicas de encaixe moderno. As inscricións pódense realizar chamando aos números de teléfono 666 874 744 (Margarita Vila) ou 627 791 061 (Ana García). Tamén se pode enviar un correo electrónico a tallerdeencajes@gmail.com
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de encaixe de palillos que oferta a Asociación Taller de Encaixes Galicia en colaboración co Concello de Ames. Neste curso ensinaráselle aos participantes a traballar o encaixe de Galicia, que se coñece como encaixe de Camariñas por todo o mundo. Tamén se lle ensinarán encaixes doutras partes do mundo (ruso, Idrija, Hinojosa), así como técnicas de encaixe moderno.
Dende a Asociación Taller de Encaixes Galicia explican que “diferenciámonos doutras profesoras en que empregamos fíos de cores para que as alumnas dominen as técnicas desde o inicio. De aí o nome do curso Encaixa as túas cores. Tamén seguimos unha programación de menor a maior dificultade, aínda que é o suficientemente flexible para que se incorpore calquera persoa en calquera momento do curso. Estamos moi interesadas en que as alumnas sexan independentes á hora de empezar e terminar os labores, polo que estes aspectos trátanse con especial detalle”.
Dende outubro e ata xuño, os e as participantes poderán adquirir coñecementos e técnicas relacionados con esta arte de decoración. As clases desenvolveranse en dous grupos en función ao nivel técnico dos participantes: un grupo de principiantes e outro máis avanzado. Dependendo do seu nivel e dos seus obxectivos, as mestras Margarita Vila e Ana García, atenderán individualmente os seus alumnos e alumnas. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este obradoiro os luns, mentres que a Casa da Cultura de Bertamiráns contará con este taller os martes. En ambos os dous lugares o curso impartirase en horario de 16:30 h a 18:30 horas.
Aquelas persoas que queiran asistir a este obradoiro deberán inscribirse o antes posible xa que o curso comeza o vindeiro 1 de outubro. Aínda así, todas aquelas persoas que o desexen poderán inscribirse ao longo do curso. Os e as interesados/as poderán facelo chamando ao teléfono da mestra Margarita Vila, o 666 874 744, ou ao da profesora Ana García, o 627 792 061. A inscrición tamén poderá facerse por correo electrónico enviando a solicitude ao correo tallerdeencajes@gmail.com. O custo da actividade é de 15 euros o mes.