Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no curso de encaixe de palillos

Luns, 24 de setembro de 2012

[24-09-2012] Todos os luns e martes os palillos encherán as Casas de Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, respectivamente. A Asociación Taller de Encaixes Galicia, en colaboración co Concello de Ames, volve pór en marcha un curso de encaixe de palillos onde todos e todas as asistentes poderán coñecer as diferentes técnicas desta arte da decoración. Esta actividade realizarase os luns na Casa da Cultura do Milladoiro e os martes na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 16:30 h a 18:30 horas. O curso desenvolverase desde o mes de outubro ata xuño. O prazo de inscrición xa está aberto. O custo da actividade é de 15 euros o mes. As inscricións pódense realizar chamando aos números de teléfono 666 874 744 (Margarita Vila) ou 627 791 061 (Ana García). Tamén se pode enviar un correo electrónico a tallerdeencajes@gmail.com


Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de encaixe de palillos que oferta a Asociación Taller de Encaixes Galicia en colaboración co Concello de Ames. Neste curso ensinaráselle aos participantes a traballar o encaixe de Galicia, que se coñece como encaixe de Camariñas por todo o mundo. Tamén se lle ensinarán encaixes doutras partes do mundo (ruso, Idrija, Hinojosa), así como técnicas de encaixe moderno.

Dende a Asociación Taller de Encaixes Galicia explican que “diferenciámonos doutras profesoras en que empregamos fíos de cores para que as alumnas dominen as técnicas desde o inicio. De aí o nome do curso Encaixa as túas cores. Tamén seguimos unha programación de menor a maior dificultade, aínda que é o suficientemente flexible para que se incorpore calquera persoa en calquera momento do curso. Estamos moi interesadas en que as alumnas sexan independentes á hora de empezar e terminar os labores, polo que estes aspectos trátanse con especial detalle”.

Dende outubro e ata xuño, os e as participantes poderán adquirir coñecementos e técnicas relacionados con esta arte de decoración. As clases desenvolveranse en dous grupos en función ao nivel técnico dos participantes: un grupo de principiantes e outro máis avanzado. Dependendo do seu nivel e dos seus obxectivos, as mestras Margarita Vila e Ana García, atenderán individualmente os seus alumnos e alumnas. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este obradoiro os luns, mentres que a Casa da Cultura de Bertamiráns contará con este taller os martes. En ambos os dous lugares o curso impartirase en horario de 16:30 h a 18:30 horas.

Aquelas persoas que queiran asistir a este obradoiro deberán inscribirse o antes posible xa que o curso comeza o vindeiro 1 de outubro. Aínda así, todas aquelas persoas que o desexen poderán inscribirse ao longo do curso. Os e as interesados/as poderán facelo chamando ao teléfono da mestra Margarita Vila, o 666 874 744, ou ao da profesora Ana García, o 627 792 061. A inscrición tamén poderá facerse por correo electrónico enviando a solicitude ao correo tallerdeencajes@gmail.com