- Tematica
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde retoma a programación de Andainas Saudables, que está a percorrer o Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Desta volta, será a quenda da quinta etapa, que vai dende Dumbría ata Os Muíños. A andaina realizarase o vindeiro sábado, 10 de maio, e as persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, 7 de maio, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:00 horas; e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:15 horas.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa Andainas Saudables. Desta vez, percorrerase o quinto tramo do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía, unha ruta que ten un percorrido total de 120 quilómetros e que é a única que ten como orixe de partida a capital galega. Ademais, o itinerario atravesa lugares do noso concello, así como de Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Muxía, ata chegar a Fisterra.
Deste xeito, continuase coa programación das andainas saudables percorrendo esta ruta de peregrinación. O pasado sábado 1 de marzo realizouse a cuarta etapa que discorreu de Lago a Dumbría. Neste mes de maio realizarase a quinta etapa que discorre dende Dumbría ata Muíños.
Tramo Dumbría – Os Muíños
Sairase de Dumbría cara a aldea de Trasufe, que conta coa venerada capela da Virxe do Espiño (fonte santa). De seguido crúzase o río Castro por unha moderna ponte onde existe un muíño, e avánzase por pistas de concentración parcelaria, entre campos cultivados, ata o núcleo de Senande. Posteriormente percórrese unha pista forestal, de novo escoltada por eucaliptos, piñeiros e valados de pedra, ata chegar ao lugar de Quintáns.
Dende este lugar descéndese ao val, fronte a Ozón, pisando un tramo da calzada real empedrada que viña de Negreira por Baíñas e Berdoias. Do antigo mosteiro beneditino de San Martiño quedan a igrexa, de cabeceira románica, a reitoría e un hórreo que se conta entre os máis longos do país. Desde Ozón pode seguirse o Camiño Real por Vilar de Sobremonte, que descende rapidamente ata Os Muíños, topónimo que fai referencia aos moitos muíños que movía o río Negro.
Inscricións ata o 7 de maio
Hai 50 prazas dispoñibles e as persoas interesadas en participar poden inscribirse á actividade no seguinte formulario ata o vindeiro mércores, 7 de maio, ás 14.00 horas. Tamén se pode acceder ao formulario escaneando o código QR que aparece no cartel do programa. Terán prioridade para participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.
De novo, volverá a ofrecerse servizo de autobús que sairá desde os dous núcleos urbanos do concello. Sairá ás 9:00 horas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:15 horas. Recoméndase levar roupa axeitada e calzado cómodo.