Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición para a III Carreira Pedestre de Bugallido, que se celebrará o domingo 19 de maio

Martes, 14 de maio de 2013

[14-05-2013] A parroquia amiense de Bugallido celebra o vindeiro domingo, 19 de maio, as festas de San Isidro. Con motivo desta celebración, terá lugar a partir das 10:00 horas da mañá a terceira edición da Carreira Pedestre. A inscrición nesta carreira poderá facerse ata as 13:00 horas do sábado, 18 de maio, a través dos teléfonos 660 576 451, 653 534 687 e 680 189 021. Ademais, tamén poderá facerse no Concello, nas oficinas da Concellería de Deportes, situada no Pazo da Peregrina.

A III Carreira Pedestre de Bugallido disputarase segundo os grupos de idade. Así, os participantes nacidos no ano 2002 ou posteriormente terán a saída ás 10:45 horas e a súa proba consistirá nunha carreira de 400 metros polo campo da festa. Ás 11:00 horas sairán os nacidos entre os anos 1999 e 2001, que darán unha volta arredor do circuíto do monte. A mesma distancia percorrerana os participantes nacidos entre os anos 1996 e 1998. Por último, os nacidos no ano 1995 ou antes sairán ás 11:30 horas e darán dúas voltas arredor do circuíto do monte. Haberá trofeos para o primeiro e segundo posto.