Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición na campaña de Esquí 2014 que organiza a Deputación da Coruña na Estación invernal de San Isidro

Xoves, 23 de xaneiro de 2014

[23-01-2014] O Concello de Ames participa na campaña de Esquí 2014, que organiza a Deputación da Coruña entre o 14 de febreiro e o 23 de marzo. Os participantes gozarán dunha fin de semana con aloxamento e manutención, ademais dos cursos de esquí, na Estación invernal de San Isidro (León). Esta actividade está dirixida aos rapaces e rapazas nacidos nos anos 2003, 2002, 2001 e 2000 empadroados no concello de Ames. Os nenos e nenas amienses de entre 10 e 13 anos participarán na cuarta quenda deste programa provincial, que se desenvolverá entre o 14 e o 16 de marzo. Para o Concello de Ames ofértanse 13 prazas. As inscricións hai que presentalas no Rexistro Xeral, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata o próximo 31 de xaneiro. Esta actividade ten un custo de 36 euros. Premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude e un folleto informativo desta campaña.

A Deputación da Coruña puxo en marcha este ano unha campaña na estación de San Isidro, na provincia de León, para que ata un máximo de 500 rapaces da provincia de entre 10 e 13 anos poidan gozar dunha fin de semana de estadía na neve. O programa realízase no marco dun convenio de colaboración coa Deputación de León, que a cambio poderá traer a 200 rapaces desta provincia a participar nos campamentos de verán que organiza a institución coruñesa no centro Calvo Sotelo.

A campaña comezará a mediados do mes de febreiro, e levarase a cabo en cinco quendas de 100 nenos cada unha. O obxectivo deste programa é fomentar que os nenos da provincia poidan familiarizarse cos deportes da neve. Para o Concello de Ames ofértanse un total de 13 prazas, polo que todos os interesados deben darse présa para apuntarse. Este campamento está dirixido aos nenos e nenas nacidos entre o ano 2000 e o 2003 e que estean empadroadas no concello de Ames. Estes campamentos celebraranse na Estación invernal de San Isidro (León) entre o 14 de febreiro e o 23 de marzo.

A cota de inscrición é de 36 euros e inclúe o transporte interno, a estadía e manutención en albergues da Estación invernal de San Isidro en León, monitores, clases de esquí, o correspondente seguro, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados. Os rapaces e rapazas amienses participarán na cuarta quenda deste programa, que se desenvolverá os días 14, 15 e 16 de marzo. Os participantes chegarán a Estación invernal de San Isidro o venres antes da cea e a saída será o domingo despois de xantar.

Tramitación das inscricións
Os pais e nais interesados deben formalizar a inscrición no Rexistro Municipal do Concello de Ames, de luns a sábado, en horario de 09:00 h a 14:00 horas, entregando a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor/as do solicitante, unha foto carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, unha fotocopia do libro de familia ou carné de identidade e unha copia de pagamento da cota de inscrición (este último papel haberá que entregalo despois de que o Concello lle confirme ao solicitante que dispón da praza solicitada). As inscricións poden realizarase ata o próximo 31 de xaneiro.

No caso de que algún neno ou nena precise un tratamento específico ou sufran unha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Tamén é importante especificar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo que sufra calquera neno/a.

No caso de haber máis inscricións que prazas, realizarase un sorteo público o día 3 de febreiro, ás 12:00 horas, na Casa do Concello. Para máis información pódese acudir á páxina web http://www.dicoruna.es/deportes/actividades/esqui-2014, da Deputación da Coruña.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Xa está aberto en Ames o prazo de inscrición na campaña de Esquí 2014"