Pestanas principais

Xa é posible renovar praza ou preinscribirse no programa municipal de psicomotricidade educativa e preventiva

Mércores, 16 de maio de 2018

[16-05-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, vén de abrir o prazo para a renovación de praza ou a preinscrición no programa de psicomotricidade educativa e preventiva para o curso 2018-2019. Dirixida a crianzas de 3, 4 e 5 anos, a actividade desenvolverase nas aulas de psicomotricidade dos CEIPs A Maía e Agro do Muíño en Bertamiráns e na escola infantil do Milladoiro. O prazo para realizar a renovación de praza ou a preinscrición remata o vindeiro 24 de maio. As nenas e nenos admitidos deberán formalizar a matrícula entre o 20 e o 30 de xuño. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de preinscrición para participar nesta actividade.

As persoas que desexen renovar praza ou formalizar a preinscrición na actividade de psicomotricidade educativa e preventiva deberán entregar a documentación requirida no Rexistro Xeral da Casa do Concello, no Rexistro das oficinas de Educación do Pazo da Peregrina ou no Rexistro das Oficinas Municipais do Milladoiro, en horario de 09:00h a 14:00 horas. O prazo para facelo remata o vindeiro 24 de maio. 

A ficha de preinscrición e de matrícula pódese recoller no departamento de Educación, no Pazo da Peregrina, ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Así mesmo, a ficha tamén se pode descargar na sección de Avisos da web municipal. O impreso de renovación de praza xa foi entregado ás nenas e nenos que asistiron á actividade durante este curso. 

Unha vez rematado o período de renovación de praza e preinscrición publicarase a listaxe de admitidas e admitidos, así como o prazo e os lugares de matrícula, nos taboleiros de anuncios do Concello en Bertamiráns e das Oficinas Municipais no Milladoiro. O prazo para a formalización da matrícula permanecerá aberto entre o 20 e o 30 de xuño. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.