Pestanas principais

A X Feira do Comercio Val da Maía celebrarase os días 9, 10 e 11 de maio coa participación do comercio de Ames

Luns, 05 de maio de 2014

[05-05-2014] Este venres, 9 de maio, comezará unha nova edición da Feira do Comercio Val da Maía. Ás 17:00 horas abriranse as portas da que xa é a décima edición desta iniciativa comercial. Este ano uns 34 establecementos comerciais ofrecerán os seus produtos con grandes descontos. A feira contará con 400 metros cadrados de oportunidades. Este evento, que se desenvolverá no pavillón polideportivo de Bertamiráns, terá lugar os días 9, 10 e 11 de maio. No evento haberá servizo de gardaría, cafetería, unha carpa polbaría para comer e outra con inchables, así como varios postos de churros, rosquillas, xeados, etc. Ademais, haberá zonas de aparcamento gratuíto nos arredores do pavillón. A entrada, como en anos anteriores, será de balde.

A vindeira fin de semana, o pavillón de Bertamiráns, converterase no gran centro de compras de todo o Concello de Ames e dos municipios limítrofes. Durante os días 9, 10 e 11 de maio a localidade de Bertamiráns acollerá a décima edición da Feira do Comercio Val da Maía. Serán tres días nos que un total de 34 establecementos porán a venda os seus produtos con grandes descontos. A feira abrirá as súas portas este venres, 9 de maio, ás 17:00 horas e permanecerá aberta ata as 21:00 horas. O sábado e o domingo o horario de apertura será ininterrompido de 10:00 h a 21:00 horas.

Este ano a organización deste evento corre a cargo da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e conta coa colaboración de todas as asociacións de profesionais e comerciantes de Ames (Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar). O Concello de Ames patrocina economicamente e colabora na organización da Feira do Comercio prestando apoio, loxístico, técnico e de persoal.

Nesta feira do comercio participarán diferentes establecementos de Ames e doutros concellos. Haberá 400 metros cadrados de oportunidades. Nesta edición da Feira do Comercio un total de 18 comercios ofertarán unha ampla variedade de produtos de téxtil e calzado para neno/a, muller e home. Ademais, haberá tendas de electrónica, óptica, papelería, fogar, complementos, alimentación, comunicación, informática e saúde. Este ano, como novidade, haberá un establecementos que venderá chemineas.

Oferta lúdica e gastronómica
Ademais de poder comprar diversos produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan á X Feira do Comercio Val da Maía poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica. Deste xeito, instalarase no recinto unha cafetería. Ademais, tamén se ofrecerá de balde un servizo de gardería, atendido por persoal cualificado. Este servizo, que estará dirixido a nenos de entre 2 e 12 anos, ofrecerase en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 h a 20:30 horas.

Como complemento do servizo de gardaría haberá inchables gratuítos para entreter aos nenos/as e deste xeito facilitarlle as compras aos pais e nais. Os inchables, que estarán instalados nunha carpa exterior, estarán dirixidos aos nenos de entre 2 e 12 anos. Os inchables contarán coa supervisión de monitores.

No eido gastronómico, incluiranse varios postos de churros, rosquillas e xeados. Tamén haberá un posto de venda de polbo, carne o caldeiro e churrasco para todas as persoas que queiran xantar na feira. Por último, haberá zonas de aparcamento gratuíto nos arredores do pavillón. A entrada, como en anos anteriores, será de balde.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Feira do Comercio Val da Maía empezará el viernes con 34 establecimientos"
El Correo Gallego "A X Feira do Comercio Val da Maía celebrarase os días 9, 10 e 11 de maio"