[23-02-2015] O Concello de Ames celebra mañá martes, 24 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro cun acto literario e a actuación do cantautor Amancio Prada. A cita, aberta a todos os públicos, será na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:00 horas. Rosalía de Castro naceu en Santiago o 24 de febreiro de 1837. Para conmemorar esta data, o Concello de Ames organiza un ano máis esta efeméride en aras de festexar á insigne poeta galega e con ánimo de difundir entre a veciñanza amesá a súa obra e figura.
O programa inclúe un recital de poemas dos escolares dos colexios de Educación Infantil do Milladoiro, Barouta, Ventín, Agro do Muíño e os IES do Milladoiro e de Bertamiráns. Tamén intervirán o grupo do obradoiro municipal de Lingua e Cultura e o Clube de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro. Campanas de Bastavales, Adios ríos, adios fontes, Unha vez tiven un cravo ou Negra sombra son algúns dos títulos extraídos da extensa obra rosaliana polos participantes. Ademais, como broche final, o público poderá gozar dun mini-concerto do músico Amancio Prada.
Para a concelleira de Cultura, Eugenia Martín, contar con Amancio Prada “é un luxo, porque se trata dun artista mítico que dedicou moitas horas do seu traballo artístico a estudar e interpretar a obra de Rosalía. E lembremos que a insigne poeta de Galicia pasou temporadas nunha casa de Ortoño, no noso concello. Por todo isto creo que este 24 de febreiro será un gran día de festa en Ames, festa escolar, poética, musical e social”.
40º aniversario da edición do disco Rosalía de Castro
En marzo cúmprense corenta anos da edición do primeiro disco que Amancio Prada dedicou a Rosalía de Castro. De título homónimo, non foi o único álbum en que o artista homenaxeou á escritora galega, pois en 1997 publicou Rosas a Rosalía e máis tarde, en 2005, Rosalía siempre.
Amancio Prada indica que unha canción non se acaba de cantar nunca: “Aquelas cancións se instalaron nun perenne presente, pois nunca deixei de cantalas; viviron e creceron comigo. A obra de Rosalía é universal e contemporánea por moi enraizada que estea nun lugar e nun tempo”. Elixe de Rosalía os poemas Adiós ríos, “porque é íntimo e coral á vez”, e Maio longo, “porque así é a vida: vida e morte”. “Cada poeta é único –agrega– e ao cantalos con todos me identifico, como se a súa poesía nacese dos meus adentros. Cada poeta é un afluente distinto dese caudal que alimenta os nosos soños e nos calma a sede; a sede da auga lonxana, tal como dicía Rosalía: Que lle pasará a un que non sexa como se lle pasara a todos os demais?”.
Amancio Prada naceu no Bierzo no ano 1949. A comezos dos anos setenta inicia profesionalmente a súa carreira musical e na actualidade segue en activo tras acumular máis dunha trintena de traballos discográficos. Cancións propias e temas populares compoñen o seu repertorio artístico, que inclúe abundantes pezas escritas en galego, pola súa estreita vinculación con Galicia.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Amancio Prada rinde homenaje a Rosalía de Castro con un concierto en Ames"




