Pestanas principais

Vota polas mellores pezas teatrais do concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!

Luns, 26 de novembro de 2012

[26-11-2012] Xa está aberto o prazo para poder votar as pezas teatrais presentadas ao concurso de teatro lido de Ames, Desata a Lingua! Estes textos pódense escoitar en Ames Radio, en horario de 13:30 h a 14:30 h e de 22:00 h a 23:00 horas, de luns a venres ata o próximo 2 de decembro. Tamén se poden escoitar na páxina web municipal, accedendo á sección de Avisos. Nesta edición presentáronse 8 grupos de rapaces e rapazas do IES de Ames e do Colexio Alca. En total participan 26 alumnos/as que están cursando estudos de segundo ciclo da ESO ou de bacharelato. A temática de todas as pezas versa sobre a situación social do idioma galego. Os e as concursantes poderán obter un dos dous premios, o da audiencia ou o do xurado, cunha contía de 300 euros, cada un deles. As votacións do público realizaranse enviando un e-mail ao correo radioteatro@concellodeames.org ou chamando ao teléfono 981 890 452.

Ata o próximo 2 de decembro a veciñanza amiense poderá elixir a peza teatral que máis lle guste das presentadas ao concurso de Teatro Radiofónico Lido, que organizaron os departamentos de Normalización Lingüística, Xuventude e Comunicación do Concello de Ames. O concurso radiofónico de teatro lido pretende dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva sobre a nosa realidade sociolingüística. Ademais, intenta fomentar o gusto polo teatro entre a veciñanza, en xeral, e en particular entre os sectores de xente máis nova do concello.

Nesta segunda edición do concurso presentáronse 8 grupos de rapaces e rapazas do IES de Ames e do Colexio Alca. Estes grupos son Chámalle X, Xeración do 95, Linguas desatadas, E logo!, Irenia, Cal, P.S. e As Laretas. En total participan 26 alumnos/as que cursan estudos de segundo ciclo da ESO ou de bacharelato. Todos os grupos están formados por entre dúas e seis persoas e están dirixidos por un profesor/a ou un monitor/a nomeado polo propio grupo. A temática de todos os textos versa sobre a situación social do idioma galego.

As pezas emítense en Ames Radio
Todos os grupos participantes realizaron a montaxe das pezas na radio municipal de Ames, entre o 5 e o 15 de novembro. Unha vez gravadas todas as pezas, dende o pasado 19 de novembro estanse emitindo os textos en Ames Radio (FM 107.2), en horario de 13:30 h. a 14:30 horas e de 22:00 a 23:00 horas, de luns a venres. Do 19 ao 25 de novembro emitiuse unha peza teatral cada día, mentres que entre o 26 de novembro e o 2 de decembro emitiranse as oito pezas todos os días para que o público poida votar pola que considera que é a mellor.

Establécense dous premios. Un outorgarao a audiencia de Ames Radio e outro concederao un xurado especializado. O premio do público está dotado con 300 euros. A audiencia da radio municipal escollerá por votación entre as pezas emitidas a obra que obterá o premio do público. A votación realizarase ata o 2 de decembro a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.org ou do teléfono 981 890 452. Cada persoa que vote terá que identificarse e só se computará un voto por persoa.

O premio do xurado tamén está dotado con 300 euros. A Alcaldía do Concello de Ames designará o xurado deste premio e darao a coñecer con anticipación á emisión do ditame. Os premios faranse públicos na segunda semana de decembro e entregaranse o venres 14 de decembro, ás 21:00, na Casa da Cultura de Bertamiráns durante o inicio da obra de teatro Sexo? Por que non?, da compañía Eme2.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Vota polas mellores pezas teatrais do concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!"