[12-11-2015] Dende o 12 ata o 22 de novembro podes votar pola mellor peza dramática presentada ao Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! Estes textos pódense escoitar accedendo á sección de AVISOS da páxina web municipal dende o 12 de novembro. A emisión desta pezas en Ames Radio (FM 107.2) comezará o vindeiro día 16 e continuará ata o día 22, en horario de 13:30 h a 14:30 horas e de 22:00 h a 23:00 horas ata o día 22 de novembro.
O Concurso Radiofónico de Teatro Lido pretende dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva e da creatividade. Intenta, ademais, fomentar o gusto polo teatro entre a mocidade e o achegamento á radio municipal. Estes son algúns dos obxectivos desta iniciativa posta en marcha polos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación do Concello de Ames.
Este ano presentáronse 14 grupos de rapaces e rapazas: 7 grupos do IES de Ames, 5 do IES do Milladoiro e 2 grupos do Colexio Alca.
Os textos están escritos e locutados en lingua galega. A temática foi libre, aínda que se valora que estea relacionada con algún tema de actualidade. Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. As votacións do público realizaranse enviando un e-mail ao correo radioteatro@concellodeames.org ou chamando ao teléfono 981 890 452.
O IES do Milladoiro achegou 5 pezas: Absurdas contradiczións, Morriña, As novas tecnoloxías, Somos o que comemos e Teleoperadora.
Pola súa parte o IES de Ames presentou un total de 7 pezas, a maior representación desta edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido: Radio fantasía, O colexio do inferno, Mente vacía, Maruxas asasinas, Os vellos non deben de namorarse (adaptación), Xulgando a lingua e Un día analóxico.
Finalmente o Colexio Alca participou con 2 obras; Secuestro no McDonalds e Mellor antes ou mellor agora?.
En canto á participación do alumnado, o IES do Milladoiro aporta un total de 19 participantes; pola parte do IES de Ames participan 23 mozos e mozas e do Colexio Alca un total de 7 estudantes.
Repartiranse 600 euros en premios
Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un: premio do público, premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. O Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar todos os premios, agás o do público. Os premios entregaranse o venres 27 de novembro.
Votación da audiencia
A audiencia da radio municipal escollerá entre as pezas emitidas a que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 12 ao 22 de novembro (incluídos) a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.org ou do teléfono 981 890 452. Os/as votantes terán que identificarse e só se computará un voto por persoa. Deste xeito, preténdese implicar a toda a cidadanía nesta actividade.
O alumnado e profesorado participante recibirá como agasallo un convite para unha das funcións teatrais programadas polo Concello de Ames. Estes convites poderán intercambiarse por entradas no prazo de reserva establecido polo Concello e estarán suxeitos á dispoñibilidade de aforo.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Catorce grupos de alumnos optan ao certame radiofónico"




