- Tematica
Este xoves, 14 de agosto, volven os “Seráns de Ames”, desta volta, coa estrea da parroquia de Trasmonte dentro do programa. A partir das 20.00 horas, o campo da festa de Trasmonte acollerá a actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas, unha proposta musical dirixida a todos os públicos. Ademais, esta actuación dará comezo ás tradicionais festas da parroquia, que se desenvolverán esta fin de semana, os días 15 e 16 de agosto.
O campo da festa de Trasmonte acollerá este xoves, 14 de agosto, a partir das 20.00 horas, a cuarta xornada dos “Seráns de Ames”. Deste xeito, retómase unha iniciativa que se desenvolve durante seis xoves dos meses de xullo e agosto e que está a traer ao rural amesán diferentes actividades culturais.
“Seráns de Ames”, que orixinalmente naceu no 2021 como os Seráns de Tapia ofrecendo só espectáculos na praia fluvial de Tapia, foi medrando e trasladándose a outras parroquias do rural, apostando por diversificar as propostas culturais de Ames a diferentes localizacións do concello.
Nesta ocasión, a parroquia de Trasmonte acolle por primeira vez unha xornada dos Seráns, acollendo a o concerto de Pablo Balseiro & Los Cascarillas, unha actuación na que o pop converxe con diversos xéneros musicais, facendo así unha proposta musical única. Ademais, esta actuación dará comezo ás tradicionais festas da parroquia, que se desenvolverán esta fin de semana, os días 15 e 16 de agosto.
Balseiro, músico e compositor dende os 14 anos, ten participado en numerosos proxectos e con bandas ao longo da súa traxectoria profesional, e acumula ás súas costas máis de 600 concertos ás súas costas.
Programación dos “Seráns de Ames”
Así mesmo, a carballeira de Bugallido acollerá o vindeiro día 21 de agosto, ás 20.00 horas, o espectáculo dirixido para todos os públicos do grupo formado polas ex-integrantes de Leilía, Montse Ribera e Mercedes Prieto, As Armadanzas “Do Courel ao Condado”. Nesta proposta, farase unha viaxe por todo o folclore galego, interpretando pezas de diferentes localidades galegas.
Como vén sendo habitual, a praia fluvial de Tapia tamén será o escenario escollido para pechar os Seráns de Ames. Nesta ocasión, a derradeira xornada do programa terá lugar o xoves 28 de agosto, a partir das 17.30 horas, con dúas actividades. A primeira delas, será Xogos miudiño, dirixida para as crianzas. Xa ás 19.30 horas, pecharanse os Seráns de Ames coa actuación musical de Mary Iglesias.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames estreará os “Seráns de Ames” en Trasmonte con Pablo Balseiro & Los Cascarillas"
AMSGO!: "Pablo Balseiro & Los Cascarillas este xoves en Trasmonte nos “Seráns de Ames”"






