Pestanas principais

Volven os Espazos para reflexionar este mércores para falar sobre as altas capacidades

Martes, 26 de febreiro de 2019

[26-02-2019] O salón de actos do IES do Milladoiro acolle este mércores, 27 de febreiro, unha nova sesión de Espazos para Reflexionar, que nesta ocasión xirará sobre as altas capacidades. A charla, que leva por título Altas Capacidades. Unha realidade moi próxima, será conducida por Miriam Fernández, integrante do Servizo Integral de Altas Capacidades LATENTO. Este proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla, en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS da escola infantIL A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.


O programa Espazos para reflexionar regresa ao salón de actos do IES do Milladoiro este mércores, 27 de febreiro, para ofrecerlle ás familias unha charla sobre as altas capacidades, coa finalidade de normalizar esta situación. O espazo será conducido por Miriam Fernández, integrante do Servizo Integral de Altas Capacidades LATENTO, que ofrecerá ás familias información sobre as altas capacidades e as pautas que deben seguirse para alcanzar un desenvolvemento pleno do potencial intelectual, sempre en harmonía co desenvolvemento emocional e social.

Así, o obxectivo será que as propias familias compartan as súas experiencias e expectativas e, en base a estas vivencias, desenvolver unha charla na que se de a coñecer en que consisten as altas capacidades, como se detectan e como canalizalas de forma adecuada. A sesión terá lugar no salón de actos do instituto a partir das 20.00 horas. Para asistir non é preciso inscrición previa.

A iniciativa Espazos para reflexionar conta co apoio da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames e o IES Milladoiro. Cada unha das charlas realizadas ao abeiro deste programa están dirixidas principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos. No curso 2018/19, realizáronse varias sesións sobre múltiples temas como a diversidade enfocada no ámbito sexual, a educación en positivo, a autonomía dos pequenos e pequenas, ou a importancia de descodificar as necesidades dos/as adolescentes potenciando a súa autonomía.

Con motivo desta nova edición, a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo destaca que "dende a Concellaría apoiamos este tipo de iniciativas que redundan no benestar dos nosos veciños e veciñas, axudan a formar comunidade e favorecen a parentalidade positiva mediante a creación dun espazo de participación, reflexión e intercambio de experiencias entre os/as participantes, contando sempre co asesoramento dun profesional”.

Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro
Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O obxectivo deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesión prácticas e amenas.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Volven os Espazos para reflexionar hoxe mércores para falar sobre as altas capacidades"
El Correo Gallego: "Charla sobre altas capacidades onte no Milladoiro"