[06-11-2017] Un ano máis, bota a andar a Escola de Pais, Espazos para Reflexionar, que ao longo deste mes de novembro estará centrada no crecemento, na autonomía e nos límites das nenas e nenos. O proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla, en colaboración co IES do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, grazas a implicación no proxecto das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín. Os Espazos de novembro desenvolveranse os días 8, 15 e 29, en horario de 17:30h a 19:00 horas, no salón de actos do IES Milladoiro.
Os Espazos para Reflexionar deste novembro tentarán dar resposta a determinados aspectos educativos como o significado de medrar hoxe, a imposición dos límites desde a autoridade ou os procesos de mudanza durante a adolescencia. O primeiro destes Espazos desenvolverase o día 8 de novembro, baixo o epígrafe Petit Adolescencia. Canta autonomía? Cantos límites?. Nel abordaranse aspectos vinculados ao crecemento e ao desenvolvemento persoal das crianzas entre os 0 e os 6 anos.
Crecer... un camiño cara a autonomía é o título do segundo dos Espazos. Esta sesión, que terá lugar o 15 de novembro, estará centrada no desenvolvemento das nenas e nenos entre os 6 e os 12 anos. O último dos Espazo deste mes, no que se abordará a adolescencia, celebrarase o día 29. Adolescencia... materia pendente, estará enfocada ao desenvolvemento persoal das rapazas e rapaces entre os 12 e os 16 anos. Todas as sesións terán lugar no salón de actos do IES Milladoiro, en horario de 17:30 a 19:00 horas.
Os Espazos para Reflexionar naceron o curso anterior da man da ANPA Milla, en colaboración co IES Milladoiro. Este ano, o programa presenta unha novidade con respecto ao anterior, ao estar dirixido a toda a comunidade educativa do Milladoiro, grazas á implicación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín. As charlas-obradoiros estarán baseadas na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos. Nelas fomentaranse dinámicas de grupo, de maneira que as sesións resulten prácticas e amenas. As charlas serán impartidas por Yolanda Gómez, pedagoga e educadora familiar.
O Concello de Ames apoia este tipo de iniciativas, que implican a construción de comunidade, ao tempo que se fomenta unha parentalidade positiva. Os Espazos están dirixidos a nais e pais, avoas e avós, persoas que queiran ter fillas e fillos fillos... Para participar non é preciso inscribirse previamente.