- Tematica
O Concello de Ames, a través das Concellarías de Promoción Económica e Xestión do Medio Natural, vén de presentar unha nova edición dos seus tradicionais concursos de decoración de Nadal destinados á veciñanza e aos comerciantes locais. Estas iniciativas, consolidadas xa como un dos clásicos do Nadal amesán, busca a colaboración de toda a veciñanza na decoración do concello durante estas festas. Deste xeito, comercios e particulares decorarán establecementos, vivendas, xardíns, fiestras ou balcóns coa temática de Nadal. En total repartiranse 6.000 euros en premios: 4.000 destinados ao concurso de escaparates e 2.000 ao de decoración veciñal. O prazo de inscrición estará aberto do 5 ao 12 de decembro. Ao pé desta nova podes consultar as bases dos concursos e descargar os impresos de solicitude editables.
A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación tanto da XX edición do Concurso de Escaparates como da IV edición do xa tradicional Concurso de Decoración de Nadal Veciñal. Ao acto asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, e a xerente de XEA, Beatriz López.
Foi a propia concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a que destacou que xa está “vendo un montón de casas, balcóns e ventás moi ben decoradas” e gustaríalle “que eses veciños e veciñas participasen”. A concelleira recoñece que é “moi bonito pasear polas rúas e ver todos eses escaparates decorados” motivo polo que “este ano vai haber moita competición”. Ademais, quixo aclarar que “as fotos e os vídeos son para facer publicidade dos propios comercios, xa que canto máis ensinemos máis imos dinamizar”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, convidou “a toda a veciñanza a que se anime a participar dun xeito responsable e sostible, mediante a utilización de recursos naturais e reciclados”. O concelleiro indicou o seu desexo de “conseguir ter unhas aldeas máis bonitas, nas que se poida contemplar ese espírito do Nadal”, e resaltou: “cun pouco de sorte igual ata atopamos a casa do Apalpador por algunha das parroquias de Ames”.
Concurso de escaparates
O certame parte coa idea clara de incentivar a decoración dos establecementos locais con motivos de Nadal que fomenten o espírito de festa no concello. En total repartiranse 4.000 euros que estarán divididos en 4 premios de 1.500 euros, 1.100 euros, 800 euros, e 600 euros, respectivamente. Ademais, os comercios gañadores beneficiaranse dun espazo publicitario de balde en Ames Radio durante un mes.
Para poder participar, todos os comerciantes interesados deberán presentar as súas solicitudes dende o día 5 ata o día 12 de decembro, ben na Sede electrónica do Concello de Ames ou ben de maneira presencial tanto na Casa do Concello en Bertamiráns ou nas Oficinas Municipais no Milladoiro, en horario de 09.00 horas a 14.00 horas.
Este concurso parte co obxectivo de fomentar e promover o comercio local coa intención de incrementar o consumo, atraendo o maior número de persoas ao concello de Ames. Poden consultarse as bases completas nesta seguinte ligazón. Tamén se pode acceder aquí ao impreso de solicitude editable.
Decoración veciñal
No caso da decoración veciñal, o certame buscar incentivar a colaboración entre a veciñanza e un espírito festivo de Nadal mediante o decorado das casas particulares de todo o concello. Así pois, as persoas participantes deberán encher as súas fachadas, balcóns, fiestras ou xardíns de motivos relacionados co Nadal. Coma en anos anteriores, haberá un total de catro premios de 500 euros cada un para as mellores decoracións.
Poden consultarse as bases completas para participar nesta seguinte ligazón e o impreso de solicitude editable para participar no Concurso de Decoración Veciñal na seguinte ligazón.
Criterios do xurado
O encargado de outorgar os premios para ambos concursos será un xurado formado por tres membros: un representante do coworking A Proa, un representante do voluntariado de Protección Civil do Concello de Ames e un representante da Unión de Consumidores de Galicia. Cada membro do xurado fará a súa valoración individual e, posteriormente farase unha media de cada unha delas. A puntuación máxima á que pode optar cada establecemento é de 20 puntos.
Os criterios de selección pasan pola composición e deseño (5 puntos), a orixinalidade e elaboración propia (5 puntos), a utilización da iluminación como foco principal de atracción (5 puntos) e, a maiores, o fomento da sostibilidade mediante a utilización de recursos reutilizados e con pouco impacto medioambiental (5 puntos).
Tanto para escaparates coma para vivendas particulares, só poderá presentarse un único proxecto e, tanto comerciantes coma veciñanza, deberán ter os escaparates e vivendas expostos, como mínimo, desde o 12 de decembro de 2025 ata o 1 de xaneiro de 2026. En ambos concursos deberán enviarse dúas fotos da decoración ao enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal ata o 18 de decembro de 2025.








