Pestanas principais

Volven as Noites en Vela á Ponte Maceira coa actuación das Maianas e do grupo Caldo

Martes, 19 de xullo de 2022

Os Concellos de Ames e Negreira únense un ano máis para organizar unha nova edición do programa Noites en Vela, que terá lugar este sábado, 23 de xullo, a partir das 21.00 horas. Este ano refórzase o programa coa actuación de dous grupos. Ás 21.00 horas actuará o grupo amesá As Maianas e ás 22.00 horas será a quenda do grupo vigués Caldo. O escenario será A Ponte Maceira, que vén de ser declarada ben de interese cultural (BIC). Ao remate dos concertos haberá fogos de artificio. Neste programa colabora a Xunta de Galicia a través do programa Cultura no Camiño.

Despois de dous anos de parón por mor da pandemia, este sábado 23 de xullo, volven as Noites en Vela. Este ano reforzouse o programa coa actuación de dous grupos. Abrirán o programa As Maianas, ás 21.00 horas, e de seguido, ás 22.00 horas, actuará o grupo Caldo. Esta iniciativa está organizada polos Concellos de Ames e Negreira e conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa Cultura no Camiño.

A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “despois de dous anos sen poder organizar As Noites en Vela, nesta edición de 2022 decidimos darlle un pulo a esta iniciativa coa actuación de dous grupos como son As Maianas e Caldo. As Noites en Vela son un programa xa consolidado que sempre é garantía de éxito. Trátase de poñer en valor un lugar de gran valor paisaxístico e patrimonial como é A Ponte Maceira, que acaba de ser declarada ben de interese cultural e forma parte da rede de pobos máis bonitos de España”.

As Maianas
As Maianas son un grupo de cantareiras que naceu nun obradoiro de música tradicional do Concello de Ames, onde se coñeceron todas as integrantes e gravaron un disco promocional: Xota da Amaía, cun repertorio puramente tradicional. No ano 2007 comezou a súa andaina xuntas, coa constitución do grupo. Introducindo temas de composición propia, mesturados con creación melódica e lírica, apostando polos xogos vocais e a esencia da tradición adaptada ao seu sentimento.

As súas voces están acompañadas por instrumentos tradicionais de percusión como pandeiretas, pandeiras, pandeiros ou carrizos, así como outros instrumentos como cunchas ou cuncas. A percusión corporal, o son do clarinete, da frauta tenor e da guitarra española dan un toque maiano aos arranxos das pezas.

Como resultado desta nova andaina xurdiu no ano 2011 o seu primeiro traballo discográfico como Maianas: Como canta. Ao ano seguinte, colaboraron co dúo pontevedrés Quodlibet e o seu proxecto Mistura, participando na gravación do seu primeiro disco, A cor do son. No verán de 2012 recibiron o premio do Xurado no concurso da Radio Galega “Vas sacar nota?” polo tema “Xa te olvidaches de min”. Ademais, dende o 2013 colaboran coa banda de gaitas Os Coribantes (Pontecaldelas). No ano 2015 gañaron o concurso Novos Valores promovido polo Festigal, formando parte do cartel deste consolidado evento musical e cultural. En xaneiro de 2020 presentaron un novo traballo chamado De trisca!

Grupo Caldo
Caldo está formado por María Jorge, ao violín; Anais Barbier, voz e pandeireta, e Pedro Fariñas, na guitarra. Ofrecerán un concerto baseado en melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, xunto a pezas propias ás que lles imprimiron aires europeos e atlánticos.

O grupo Caldo é unha formación que aposta pola composición de temas propios e a revisión do patrimonio musical galego, baseado fundamentalmente na aldea de Moscoso (Pontevedra) como fío condutor do seu álbum. Teñen un directo moi vivo e o seu bo facer fíxoos merecedores do Premio Martín Códax na categoría de folk. Tamén foron gañadores do concurso Fran Pérez Narf da Deputación da Coruña.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Volven as Noites en Vela a Ponte Maceira o día 23"

AMSGO!: "Noites en Vela á Ponte Maceira. O sábado, 23 Maianas e grupo Caldo"

Volven as Noites en Vela á Ponte Maceira coa actuación das Maianas e do grupo Caldo

Multimedia

  • Volven as Noites en Vela á Ponte Maceira coa actuación das Maianas e do grupo Caldo